O BNG denuncia a falta de transparencia nos informes sobre o impacto de Altri

LugoXa
Segundo o informe do IET propóñense medidas correctoras que Bará calificou de “maquillaxe verde”
Altri-non-manifestacion
12 Ago 2024

O portavoz de Medio Ambiente do BNG, Luís Bará vén de reclamar que se fagan públicos todos os informes preceptivos sobre Altri. Neste sentido, nas últimas semanas deuse a coñecer un informe de Altri do Instituto de Estudos do Territorio a través dos medios de comunicación, “deixando claro cal é o modus operandi da Xunta do Partido Popular, que se caracteriza pola falta de transparencia e ocultación da información”, apuntou Bará.

O BNG considera que todos estes informes, dun tema de grande transcendencia como é o proxecto da macrocelulosa, deberían ser públicos para garantir o regulamento europeo de 2006 que, conforme ao establecido no convenio de Aarhus, garante á cidadanía ter acceso á información medioambiental. Ante esta situación de desinformación, Bará anunciou que o BNG rexistrou unha solicitude de copia dos informes sobre Altri, do informe do IET e de todos os demais que estean en poder da Consellaría de Industria. Un expediente compelto de todos os informes sectoriais.

“Estamos diante dun simulacro de tramitación ambiental, porque a decisión de informar favorablemente xa está tomada” advertiu o deputado nacionalista. Esta afirmación de Bará fai referencia a unhas declaracións que fixo a conselleira de Industria nas que dicía que “Altri era un proxecto redondo desde o punto de vista ambiental”.

Luís Bará advertiu que o procedemento deste simulacro de tramitación vai recibir de forma continuada informes favorables con certos condicionamentos e cambios ao proxecto para disimular que hai unhas medidas minimizadoras e de seguimento medioambiental. O que calificou como “un paripé”, como se acaba de ver no informe do IET, que refire ao impacto “paisaxístico considerable”.

Este impacto considerable sobre a paisaxe recoñece as 366 hectáreas (600 campos de fútbol),  unha cheminea de 75 metros, o equivalente a un edificio de 25 alturas ou á catedral de Santiago, unha caldeira de biomasa de 3.000 metros cadrados e 52 metros de alto, unha caldeira de recuperación, de 4.200 metros cadrados e 60 metros de alto ou as naves de todo o proceso industrial que ocupan uns 23.000 metros e 50 metros de altura; e propón medidas correctoras que Bará calificou de “maquillaxe verde” e que se acabarán aplicando ao resto de informes.

O BNG acusa de trato de favor por parte da Xunta porque neste procedemento o goberno non é imparcial, “a Xunta é xuíz e parte”. Bará recordou que xa dende un inicio, a través da Sociedade Impulsa, foi a Xunta que impulsou este proxecto. “Cometéronse múltiples irregularidades, como os cambios legais que se fixeron durante todo o procedemento para favorecer os intereses de Altri”, destacou.

 

Luís Bará sinalou dos elementos clave para impedir a aprobación deste proxecto: a concesión de auga por Augas de Galiza, tendo en conta o impacto brutal sobre o río Ulla e a ría de Arousa; outro obstáculo insuperable é o financiamento do proxecto, un factor que a propia empresa destacou como fundamental. “Está claro que a Xunta está do lado dunha multinacional que quere expoliar os nosos recursos, a nosa riqueza e condicionar o modelo forestal. O BNG está do lado dos intereses do país, da protección do medio e da Ulloa” concluíu.

0.16355013847351