O BNG denuncia a precariedade do PAC

LugoXa
Dende o BNG denuncian “a precariedade á que o goberno galego somete aos puntos de atención continuada, unha rede necesaria para garantir o acceso a un servizo público como é a sanidade”, segundo explicou a parlamentaria Olalla Rodil quen xunto co candidato do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, achegáronse ata o Punto de Atención Continuada de Fingoi.
17 Xan 2023

Dende o BNG denuncian “a precariedade á que o goberno galego somete aos puntos de atención continuada, unha rede necesaria para garantir o acceso a un servizo público como é a sanidade”, segundo explicou a parlamentaria Olalla Rodil quen xunto co candidato do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, achegáronse ata o Punto de Atención Continuada de Fingoi.

A parlamentaria do BNG destacou que “o persoal do PAC de Fingoi é un exemplo da situación precaria que está a sufrir a rede, trátase do único PAC que da atención a toda a veciñanza de Lugo, tanto da cidade como do rural”.

Rodil afirmou que "é preciso dotar ao sistema público de saúde con máis recursos, tanto materiais como humanos, especialmente na atención primaria, que está a pasar por unha profunda crise”, e engadiu “o persoal sanitario está a acoller unha gran carga de traballo o que reduce a calidade da atención”.

Olalla Rodil afirmou que “a atención primaria é o punto de entrada da veciñanza no sistema sanitario, polo que é preciso conseguir a mellor calidade posible neste servizo”. O BNG propón mudar a política que está a aplicar o goberno da Xunta de Galiza en materia sanitaria, "é preciso dar a volta ás políticas aplicadas nos últimos anos, reducindo a precariedade do Servizo Galego de Saúde".

O BNG propón garantir a atención primaria presencial a toda a poboación galega, "unha atención primaria de calidade blindando a atención primaria e garantindo  que todas as persoas que o  precisen poidan asistir a unha consulta médica”, explicou Rodil, que engadiu "a atención recibida ten que ser segura e de calidade, non ten que depender de a que centro de saúde ou con que profesional se atope unha persoa".

Olalla Rodil animou tamén a participar na mobilización que a plataforma SOS Sanidade Pública convoca para o 12 de febreiro en Compostela. “Precisamos reivindicar o dereito de todas e todos que garanta o dereito á nosa saúde”, afirmou Olalla Rodil.

0.080467224121094