O BNG denuncia a "situación caótica" de servizo de urxencias do HULA
O BNG, a través da súa deputada Carme Aira, denuncia a situación de saturación que viven as urxencias do Hula. Aira explicou que “onte o hospital non contaba con camas dispoñibles para realizar ingresos, o que fixo que 20 pacientes estiveran agardando horas nos corredores do servizo de urxencias por unha cama”, cuestión que por recorrente non se converte en menos grave.
A parlamentaria do BNG considera inaceptable “que o HULA teña espazos e camas sen utilizar mentres que as persoas teñen que agardar nun corredor”, e afirmou que “isto mostra a situación precaria da sanidade pública galega, especialmente nos servizos de urxencias”, que non só afecta as usuarias e usuarios senón que tamén dificulta o labor das e dos profesionais.
“É esencial blindar a sanidade, rescatar o sistema público de saúde de Galiza despois de 14 anos de recortes do Partido Popular”, declarou a deputada do BNG, que vinculou a sobresaturación dos servizos de urxencias coa situación precaria da atención primaria e da rede de Puntos de Atención Continuada. “Moita xente non ten acceso a unha atención médica de calidade no seu centro de saúde do seu concello, precisamente pola habitual falta de persoal o que fai que as persoas teñan que asistir ás urxencias hospitalarias para seren atendidas”, afirmou.
"Non se trata dunha situación puntual, o que sucede no HULA é a imaxe das políticas do PP en materia sanidade” dixo Carme Aira e explicou que converten o servizo de observación e o de urxencias nunha unidade de hospitalización para non abrir as plantas que teñen con camas pechadas o cal é contrario aos principios que rexen esta atención e pon en risco a saúde das persoas que permanecen ingresadas nestas condicións, mentres pon en serio compromiso a seguridade xurídica do traballo das profesionais destes servizos.
Por isto é fundamental que dende o goberno da Xunta e a consellería de sanidade destinen esforzos organizativos e orzamentarios para garantir integralmente unha elevada calidade na asistencia sanitaria á poboación máis alá do voluntarismo do persoal, que xa non da feito máis.
A deputada nacionalista pregúntase, que gana a sociedade galega con que se impida o ingreso de doentes que o precisan? Que gana a Xunta de Galiza con que a poboación tropece con este tipo de impedimentos para a protección da súa saúde? É unha situación que hai que corrixir colectivamente.