O BNG denuncia en Becerreá a falta de pediatra e a Xunta responde que a praza xa está cuberta

O Bloque Nacionalista Galego desprazouse ata o centro de saúde de Becerreá para denunciar a eliminación do servizo de pediatría, tras confirmarse que a comarca carece actualmente de profesional para atender á poboación infantil.
A concentración, á que acudiron veciños e veciñas de Becerreá e Cervantes, contou coa participación dos concelleiros nacionalistas Ovidio Montaña e Martín Gómez, da responsábel local Sabela Pérea, e da deputada no Parlamento galego, Olalla Rodil.
Durante a xuntanza, a veciñanza expresou a súa preocupación polo feito de que as crianzas da zona teñan que desprazarse ata o HULA para recibir atención pediátrica, algo que consideran inxusto e inasumible polas distancias e a dificultade de desprazamento na montaña lucense. Ademais, advertiron que, se a Xunta non garante a continuidade deste servizo no centro de saúde de Becerreá, valorarán convocar mobilizacións.
Rodil comprometeuse a apoiar todas as accións necesarias para defender a sanidade pública: “Se for preciso, mobilizarémonos para manter os servizos públicos fundamentais, evitando que a Xunta discrimine ás persoas que viven no rural”.
Desde o BNG reclamaron un compromiso firme por parte da administración autonómica, denunciando que a retirada do pediatra supón unha merma na calidade asistencial dunha das zonas máis dispersas e afectadas pola súa orografía.
Pola súa banda, o Servizo Galego de Saúde emitiu un comunicado informando de que a praza de pediatría de Becerreá xa está cuberta cun novo profesional que se incorporará a partir da segunda quincena de xullo, unha vez remate as súas vacacións.
O Sergas asegurou que se garante a atención sanitaria á infancia tanto no verán como no resto do ano, e subliñou a dificultade de atopar pediatras dispoñibles, lembrando que non hai ningún profesional nas listas de contratación neste momento.
A área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte destacou o esforzo realizado para cubrir a vacante tras a marcha do anterior facultativo, e insistiu en que o sistema busca sempre garantir o equilibrio entre os dereitos laborais do persoal sanitario e a calidade asistencial da cidadanía.