O BNG denuncia no Parlamento o abandono do centro de saúde de Baleira e reclama a cobertura das prazas

O BNG levará ao Parlamento galego, a través da deputada Olalla Rodil, a situación que padece o centro de saúde de Baleira, un exemplo que, segundo sinala, se repite en numerosos concellos do país. A falta de cobertura das vacacións e das baixas do persoal médico titular por parte da Xunta provoca que con frecuencia os centros fiquen desatendidos ou atendidos por unha única persoa que, no caso de ter que desprazarse a un domicilio, deixa sen servizo o propio centro.
Durante unha visita recente, veciñas e veciños trasladaron que xa se están a dar citas telefónicas para o 22 de setembro unicamente para renovar receitas, unha situación que, segundo o Bloque, evidencia a precariedade e a falta de planificación do goberno do PP.
Rodil asegurou que “o que acontece en Baleira non é un caso illado, senón a demostración do abandono sistemático da Atención Primaria. É inadmisíbel que persoas maiores, moitas con doenzas crónicas, teñan que esperar máis de dez días para unha consulta e máis dun mes para renovar unha receita. Isto pon en risco a súa saúde e vulnera un dereito fundamental”.
A deputada engadiu que “vivir no rural non pode ser un acto de heroicidade. Non pode ser que se nos encha a boca falando de fixar poboación mentres carecemos de servizos básicos. Se queremos que a xente quede a vivir no rural precisamos garantir condicións de vida dignas, empezando por unha educación e unha sanidade públicas fortes”.
Desde o BNG esíxese á Xunta que cubra de inmediato as prazas vacantes e dote o centro de saúde de Baleira dos recursos humanos necesarios para un funcionamento digno e estable. “A atención sanitaria é un dereito esencial, non un privilexio —engadiu Rodil—. Mentres o PP destina milleiros de euros a propaganda e obras faraónicas, a realidade é que deixa sen médicos a milleiros de galegas e galegos que viven no noso rural”.