O BNG denuncia o estado de abandono do barrio da Tinería
O BNG volveu facer unha nova acción no barrio da Tinería para visibilizar os 4498 días de abandono dos proxectos iniciados cando o BNG tivo responsabilidades no goberno da Xunta de Galiza.
Rubén Arroxo explicou que “desde a volta do Partido Popular ao goberno galego paralizouse unha rehabilitación moi necesaria para o centro de Lugo”. O BNG organizou nesta ocasión unha concentración no barrio, onde as asistentes mostraron mensaxes solicitando a rehabilitación do barrio.
O portavoz nacionalista criticou que “desde o goberno da Xunta de Galiza se anuncie cada poucos meses a rehabilitación da Casa Torre, mais nos últimos anos día tras día podemos ver como continúa a deteriorarse”.
“As representantes do BNG no Parlamento Galego levan desde o ano 2009 esixindo á Xunta de Galiza que continúe este proxecto”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “estes proxectos teñen un gran potencial, dado que se poderían converter nun gran atractivo turístico para a cidade de Lugo”.
O proxecto comezado no bipartito polo BNG, cuxo investimento ascendeu a máis de 30 millóns de euros, gañou o Premio Dubai de Boas Prácticas da ONU. Rubén Arroxo criticou que “o estado no que se atopa esta zona da cidade, despois do impulso feito pola Consellería de Vivenda para rehabilitalo”, e comparouno “co impulso que desde o BNG estamos a facer no goberno do Concello de Lugo para mellorar a imaxe da Muralla”.