O BNG denuncia o peche do consultorio de Doiras e convoca unha protesta en San Román

O Bloque Nacionalista Galego de Cervantes denunciou o peche do consultorio médico de Doiras, unha medida da Consellería de Sanidade e do Sergas que consideran “con nocturnidade e aleivosía” e adoptada polo Partido Popular sen aviso previo á veciñanza.
Para o BNG, esta decisión supón un novo ataque á sanidade pública no municipio e evidencia o abandono do rural pola Xunta. O consultorio de Doiras xa sufría recortes e falta de cobertura estable, e agora pechouse, deixando ás veciñas e veciños sen atención sanitaria de proximidade.
A formación subliña que non se trata dun feito illado. Ao peche súmase a redución de servizos no Centro de Saúde de San Román, que opera baixo mínimos tras quedar unha praza médica sen cubrir e pasar a ser de carácter rotatorio. “Estamos ante un desmantelamento progresivo da atención primaria en Cervantes, é o modelo de servizos que o PP quere para o rural”, sinalan.
O BNG lembra que Cervantes é un concello cunha poboación envellecida e moi dispersa, onde os desprazamentos son determinantes. “Primeiro recortan, despois precarizan e finalmente pechan. É un proceso calculado de desmantelamento da atención primaria na montaña. Pechar Doiras e recortar en San Román obriga ás persoas maiores a percorrer quilómetros para exercer un dereito básico. Iso non é reorganizar: é abandonar o rural”.
A formación critica tamén a forma de actuar: “Non houbo aviso previo, nin explicación pública, nin alternativa planificada. A veciñanza enterouse polos feitos consumados. É unha falta absoluta de respecto”.
Ante esta situación, o BNG anunciou a convocatoria dunha concentración o xoves ás 12:00 horas diante do Centro de Saúde de San Román, para esixir a reapertura do consultorio de Doiras, a cobertura estable das prazas médicas e o mantemento íntegro dos servizos sanitarios no concello.
“O que está en xogo é o futuro do noso territorio. Sen servizos públicos non hai fixación de poboación nin vida digna no rural. A montaña non pode ser sempre a última prioridade do Partido Popular”, destacou a formación.
“O que está en xogo non é unha cuestión administrativa, é o dereito á saúde das nosas veciñas e veciños. Non imos quedar caladas mentres desmantelan servizos públicos esenciais”, concluíron desde o BNG.