O BNG denuncia o recorte da atención sanitaria no centro de saúde de Pol

Pol
LugoXa | TerraChaXa
A formación nacionalista critica que a praza médica pase de xornada completa a só tres días semanais con profesionais rotatorios
blanca-fernandez-candidata-bng-pol
21 Mar 2026

O BNG de Pol, a través da súa portavoz municipal Branca Fernández, denuncia o progresivo deterioro da atención sanitaria no centro de saúde do municipio despois de que a Consellería de Sanidade decidise non cubrir en condicións axeitadas a vacante xerada pola xubilación dun dos facultativos.

Segundo expón a formación nacionalista, a praza que anteriormente se correspondía cunha xornada completa está a ser substituída por un servizo que consideran claramente insuficiente, xa que a atención médica queda reducida a tres días por semana, cun horario de apenas catro horas diarias e, ademais, atendida por profesionais distintos que van cambiando de maneira continua.

Branca Fernández advirte de que esta situación implica “un recorte evidente na atención sanitaria da veciñanza e unha perda clara de calidade no servizo público”. Neste contexto, subliña que resulta complicado garantir unha relación adecuada entre médico e paciente, ao entender que a continuidade asistencial é clave. “A confianza e o seguimento médico son fundamentais, e iso non se consegue cando cada día atende un profesional diferente que non coñece a realidade nin o historial das persoas que acoden á consulta”, explica.

Desde o BNG lembran que Pol conta con máis de 1.500 habitantes e presenta unha poboación especialmente envellecida, unha circunstancia habitual en moitos concellos da provincia de Lugo que, ao seu xuízo, require reforzar os recursos sanitarios en lugar de reducilos.

A portavoz nacionalista insiste en que nun territorio con dispersión poboacional e cunha elevada porcentaxe de persoas maiores, a diminución da atención médica supón empeorar a asistencia sanitaria da cidadanía. Así mesmo, responsabiliza directamente á Xunta de Galicia da situación, ao lembrar que a Consellería de Sanidade ten as competencias en materia sanitaria e debe garantir un servizo digno no rural. “O que está a facer é exactamente o contrario”, critica.

Neste sentido, Fernández cuestiona se o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, considera satisfactorio o seu labor mentres se manteñen medidas que, segundo indica, prexudican directamente á cidadanía.

A nacionalista conclúe que a sanidade pública galega precisa planificación, estabilidade e un número suficiente de profesionais para asegurar unha atención de calidade, afastada de recortes e solucións provisionais.

0.12099504470825