O BNG denuncia o uso "partidista" das redes sociais por parte do Goberno local de Monterroso
O Bloque Nacionalista Galego de Monterroso, a través do seu concelleiro Brais Vázquez, presentou unha queixa á Valedora do Pobo debido ao uso partidista das redes sociais institucionais por parte do equipo de goberno.
A reclamación foi presentada en setembro polo BNG, tras observar que as redes sociais oficiais do Concello estaban sendo empregadas de maneira partidaria e sesgada. "A conta oficial do Concello convertiuse nun instrumento ao servizo dun só partido, con borrados e censuras de comentarios da cidadanía", explicou Brais Vázquez. "Este uso das redes sociais carece de imparcialidade e obxectividade política, sendo usadas só para promocionar os logros do grupo de goberno, sen dar conta das iniciativas e actividades da oposición."
A Valedora do Pobo aceptou a queixa e solicitou ao Concello que aprobara un regulamento para o uso das súas redes sociais e da páxina web municipal. "O Concello aceptou a recomendación da Valedora e comprometeuse a elaborar as normas que regularán o uso dos perfís institucionais nas redes sociais", explicou o concelleiro do BNG.
"É fundamental ser rigorosos co uso das institucións públicas e coa imaxe que delas ofrecemos. A regulación do contido e as imaxes que o Concello comparte nas súas redes é un paso positivo", concluíu Vázquez.