O BNG denuncia os efectos da praga da rata toupa e esixe solucións á Xunta

LugoXa | SarriaXa
Montse Valcárcel alertou de que este roedor, característico de zonas de montaña, estase convertendo nunha praga difícil de erradicar
rata-toupa-Pedrafita
17 Mar 2025

A deputada do BNG no Parlamento galego, Montse Valcárcel, visitou o Concello de Pedrafita do Cebreiro, onde estivo acompañada por veciñas e veciños da zona para comprobar de primeira man os danos que está provocando a expansión da rata toupa nas explotacións gandeiras, especialmente nas de vacún.

A deputada nacionalista advertiu de que este roedor, característico das zonas de montaña, está a converterse nunha praga difícil de erradicar, debido á súa rápida expansión favorecida polos efectos do cambio climático. Na actualidade, máis de 1.800 hectáreas de pastizais están afectadas, provocando importantes perdas económicas ás persoas gandeiras da comarca.

Valcárcel lembrou que, grazas ás iniciativas impulsadas polo BNG na pasada lexislatura, a Consellería do Medio Rural publicou no ano 2023 unha orde de axudas económicas, destinada ás persoas titulares de explotacións gandeiras nos concellos de As Nogais, Baleira, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela, incluíndo referencias planimétricas das zonas afectadas pola praga.

Porén, a deputada denunciou que a execución desa orde non se correspondeu co prometido pola Xunta de Galiza. “O importe anunciado era de 300 euros por hectárea, pero na práctica **os pagamentos apenas acadaron os 93 euros/ha, o que supón só unha terceira parte do comprometido”, criticou Valcárcel. “Unha vez máis, o goberno da Xunta engana ás persoas gandeiras, cunha axuda miserable que non cobre nin de lonxe os danos reais que causa esta praga”.

Ante esta situación, o BNG presentou unha batería de preguntas no Parlamento galego, esixindo explicacións sobre o incumprimento nos pagos e preguntando se a Xunta ten previsto pór en marcha unha axuda real e efectiva para o ano 2025 que permita paliar os efectos desta situación.

“A rata toupa é un problema grave para as gandeiras e gandeiros da Montaña”, afirmou a deputada nacionalista, que advertiu de que a praga continúa a estenderse sen control, mentres a Xunta non dá solucións nin reforza os recursos necesarios. “Levamos anos vendo como estes roedores afectan cada vez a máis zonas, e desde a Xunta continúa a ignorarse o problema”, concluíu Montse Valcárcel, reclamando tamén máis recursos para os equipos investigadores que están a traballar no seu control.

⚙ Configurar cookies
0.10102009773254