O BNG denuncia que as lucenses percorren máis de 200 quilómetros para poder abortar

LugoXa
En Lugo rexistráronse 89 abortos en períodos xestacionais de máis de 8 semanas
olalla-rodil-bng-lugo
26 Xuño 2024

A deputada do BNG no Parlamento Galego, Olalla Rodil, leva ao Parlamento Galego a derivación de mulleres de Lugo a unha clínica privada en Vigo para abortar. A deputada mantivo unha xuntanza con mulleres de Lugo para analizar a vulneración de dereitos fundamentais que supón que as mulleres luguesas se teñan que desprazar a unha clínica privada en Vigo.

En 2022, últimos datos oficiais publicados, en Lugo rexistráronse 89 abortos en períodos xestacionais de máis de 8 semanas. No conxunto de Galiza foron 626 dos cales 553 foron levados a cabo en centros extrahospitalarios privados, isto é, o 88,3 %. A situación actual, que obriga as mulleres de Lugo a percorrer máis de 200 quilómetros para abortar, “é unha vulneración de dereitos fundamentais e ten unha única responsable, a Xunta de Galiza, que non garante a atención na sanidade pública das mulleres cando deciden interromper voluntariamente un embarazo”, explicou a deputada nacionalista.

Deste xeito, pídenlle ao Goberno autonómico “que acabe de maneira inmediata coa derivación de mulleres a unha clínica privada en Vigo para exercer o seu dereito ao aborto”. Lembran que a lexislación vixente esixe que se garanta este dereito na sanidade pública. Neste senso, en outubro de 2021 o BNG impulsou un acordo unánime no Parlamento que instaba a Xunta de Galiza a dispoñer dos recursos necesarios para a garantía do dereito ao aborto nos hospitais públicos, algo que en Lugo non está a acontecer.

Con anterioridade as mulleres xa eran derivadas a unha clínica na Coruña  “algo que demais de vulnerar  os dereitos fundamentais das mulleres ao non prestar a sanidade pública este servizo por medios propios a discriminación na nosa provincia é maior pois obrigásenos a cruzar o País dunha punta a outra”, recalcou a deputada.

0.16877818107605