O BNG denuncia que o Cebreiro leva meses ás escuras pola falta de iluminación pública

LugoXa
A formación nacionalista acusa ao goberno local do PSOE de desleixo e esixe medidas urxentes para garantir a seguridade veciñal e preservar a imaxe turística do enclave
BNG-Pedrafita
8 Nov 2025

O Bloque Nacionalista Galego de Pedrafita do Cebreiro denunciou a grave situación que padece o pobo do Cebreiro, que permanece totalmente ás escuras pola ausencia de iluminación pública. As rúas desta localidade, considerada un dos lugares máis emblemáticos e visitados do Camiño de Santiago, carecen de alumeado dende hai meses, o que supón, segundo o BNG, un serio risco para a seguridade tanto da veciñanza como das persoas visitantes.

A formación nacionalista cualifica a situación de “inadmisíbel e perigosa” e lembra que a falta de luz obriga aos veciños e veciñas a desprazarse de noite axudándose coa iluminación dos móbiles. “Falamos dun pobo que recibe milleiros de peregrinos ao ano e que non pode ofrecer unha imaxe tan lamentábel nin poñer en risco a seguridade da xente”, sinalan desde o grupo municipal.

O BNG explica que o problema deriva das obras executadas polo Concello hai máis dun ano, tras as cales non se chegou a conectar o sistema de alumeado público nin se repuxo a rede eléctrica, deixando as farolas inoperativas ata o día de hoxe. A formación lembra que a responsabilidade é directa do goberno municipal do PSOE, que leva máis dun ano sen ofrecer unha solución a unha situación que, aseguran, prexudica a vida diaria dos veciños e veciñas e danifica a imaxe turística dun dos enclaves máis simbólicos de Galicia.

“O Cebreiro é un dos símbolos máis recoñecidos do noso país e non pode estar sumido na escuridade por desleixo ou incompetencia. É unha cuestión de seguridade, de dereitos veciñais e tamén de respecto ao noso patrimonio”, subliñan desde o BNG.

Por todo isto, o grupo nacionalista insta ao Concello de Pedrafita do Cebreiro a adoptar medidas urxentes para repoñer o servizo de iluminación pública, revisar o estado das instalacións e garantir unha luz axeitada nas zonas de maior tránsito peonil e perigo. “Non hai desculpa posíbel: é unha obriga básica dun goberno municipal garantir un mínimo de seguridade e servizos públicos nun núcleo tan emblemático como o Cebreiro”, conclúen.

⚙ Configurar cookies
0.073102951049805