O BNG denuncia un novo peche do consultorio de Doiras e acusa ao PP de enganar á veciñanza

LugoXa
Olalla Rodil reclama no Parlamento Galego que se manteña aberto o centro de saúde de Cervantes para garantir o acceso á atención sanitaria nunha zona de alta dispersión xeográfica
centro-de-saude-Doiras-Cervantes-BNG
9 Jul 2025

O Bloque Nacionalista Galego volve cargar contra a Xunta de Galicia polo peche do consultorio médico de Doiras, no Concello de Cervantes.

A deputada nacionalista Olalla Rodil acusou ao Partido Popular e á Consellaría de Sanidade de mentir á veciñanza, asegurando que se trataba dunha clausura puntual cando en realidade se repite constantemente. Segundo sinalou, a única maneira de garantir a equidade e o acceso á sanidade na zona da montaña lucense é manter aberto o centro.

A representante do BNG denunciou que o peche foi executado sen previo aviso, de xeito que a veciñanza só tivo constancia cando acudiu ao consultorio e o atopou pechado. Segundo Rodil, o PP impón unha política de censura informativa que impide mesmo colocar carteis para alertar dos peches, unha práctica que atribúe ao xerente da área sanitaria, Ramón Ares, e que —asegura— conta co respaldo do presidente da Xunta.

Para o BNG, esta situación non é un caso illado, senón un exemplo máis do progresivo desmantelamento dos servizos públicos na montaña lucense. A sanidade non é o único ámbito afectado: Rodil alertou tamén da deterioración da educación, da atención ás persoas maiores e das infraestruturas, o que, ao seu ver, compromete o futuro destes territorios.

A formación nacionalista esixe un compromiso firme para manter operativo o consultorio de Doiras, salientando que o peche supón unha perda na calidade asistencial e unha discriminación territorial. “Seguiremos acompañando á veciñanza e levando esta demanda ao Parlamento Galego, porque ter acceso á sanidade preto da casa é unha cuestión de xustiza social e un dereito fundamental que non nos poden arrebatar”, concluíu Olalla Rodil.

⚙ Configurar cookies
0.20280814170837