O BNG do Corgo alerta de que a Lei de Patrimonio deixa sen protección real os concellos rurais

LugoXa
Os nacionalistas levan ao pleno unha moción na que critican que a Xunta traslade competencias sen recursos nin persoal técnico suficiente
BNG-O-Corgo
2 Feb 2026

O BNG do Corgo vén de rexistrar unha moción no Concello coa que pretende poñer o foco na situación de desamparo na que, ao seu xuízo, queda o patrimonio histórico, arquitectónico e etnográfico do municipio coa actual Lei de Patrimonio Cultural de Galicia. A formación nacionalista advirte de que se trata dun territorio cun legado amplo e moi disperso, o que require dunha protección especializada que a normativa vixente non garante.

A portavoz municipal do BNG, Pilar Bellón, sostén que a lei supón “un grave retroceso” para concellos como O Corgo, ao descargar responsabilidades directas sobre as administracións locais sen que a Xunta de Galicia achegue financiamento nin medios técnicos axeitados. Segundo explicou, a modificación legal preséntase como unha vía para axilizar os trámites administrativos e reducir a dependencia da administración autonómica, pero na práctica obriga aos concellos a asumir funcións para as que non están preparados.

Bellón sinala que a nova regulación implicaría, na maioría dos casos, a necesidade de contratar arqueólogos ou persoal técnico especializado, algo que resulta inviable para moitos concellos polo seu custo económico. A concelleira advertiu de que outras administracións locais veríanse forzadas a destinar parte do seu orzamento a cubrir gastos de persoal para competencias que non lles corresponden, unha situación que cualificou de totalmente inasumíbel.

Desde o BNG tamén alertan de que esta realidade provocará unha aplicación desigual da lei, ao quedar ao criterio de cada concello a maneira de actuar sobre o patrimonio. A portavoz nacionalista advertiu de que, sen un marco común nin garantías técnicas, cada administración local acabará adoptando decisións diferentes, sen homoxeneidade nin control especializado.

A normativa permite agora que os concellos autoricen intervencións en bens protexidos, agás nos declarados Bens de Interese Cultural, o que, segundo o BNG, abre a porta a actuacións sen a supervisión técnica necesaria. Bellón engadiu que tamén existe o risco contrario, que por medo ou falta de capacidade técnica non se actúe en absoluto, provocando o abandono progresivo de numerosos elementos patrimoniais.

Neste escenario, a formación nacionalista considera que a lei non reforza a protección do patrimonio, especialmente no ámbito rural, senón que favorece o seu deterioro continuado. Por ese motivo, a moción presentada insta á Xunta de Galicia a revisar a normativa e a asumir as súas responsabilidades, dotando aos concellos de recursos económicos, persoal técnico e mecanismos reais de protección. Bellón concluíu lembrando que o patrimonio “é unha riqueza colectiva e unha parte esencial da nosa identidade”, e non unha carga que poida ser trasladada aos concellos sen os medios necesarios.

⚙ Configurar cookies
0.071341037750244