O BNG do Corgo analiza as causas dos incendios e propón un cambio profundo no modelo forestal

O Bloque Nacionalista Galego do Corgo reuniu á veciñanza nunha charla-debate centrada en comprender as causas que explican a recorrencia dos incendios forestais en Galicia. Ao acto asistiron a deputada no Parlamento galego, Montse Valcárcel, e o responsable comarcal, Xabier Bruña, coa presentación de Pilar Bellón, concelleira do BNG, nun encontro que puxo o foco na responsabilidade da Xunta e na necesidade dun cambio profundo no modelo forestal.
Durante as intervencións analizouse como a abundancia de vexetación, a acumulación de combustible seco, os factores de ignición e as condicións meteorolóxicas extremas favorecen a propagación do lume. Con todo, destacouse que a raíz do problema é estrutural: un réxime de propiedade fragmentado, a ausencia de ordeación forestal e un modelo produtivo deseñado para priorizar madeira barata destinada á pasta de papel, que empobrece o monte e limita o seu potencial económico, social e ambiental.
No debate denunciouse tamén que a Xunta de Galicia non investiu o prometido nas medidas de prevención, nin apoia a necesaria multifuncionalidade do monte, esencial para diversificar usos, crear emprego, mellorar a biodiversidade e fortalecer a economía local. Ademais, a aposta institucional por un modelo baseado nunha única produción —fundamentalmente eucalipto barato— provoca problemas nos aserradoiros, que sofren a falta de madeira de calidade e ven dificultada a súa viabilidade nun contexto de competencia desigual.
O BNG expuxo as súas propostas para reverter esta situación: un cambio integral da política forestal, unha ordeación real do territorio, medidas de prevención activa ao longo de todo o ano e un reforzo estable e profesionalizado do operativo antiincendios. A fronte nacionalista defende que o monte galego debe ser unha fonte de riqueza diversificada e sustentábel, non un recurso explotado de maneira extensiva e de baixo valor engadido.
Xabier Bruña fixo fincapé na necesidade da prevención e na formación da veciñanza á hora de enfrontarse a un incendio, destacando accións que todas podemos levar adiante tanto na prevención como na resposta ante o lume.
A veciñanza asistente valorou moi positivamente a claridade das explicacións e a importancia de continuar xerando espazos de debate que permitan comprender o que está en xogo e defender un novo modelo de monte ao servizo do país.