O BNG do Corgo esixe a reparación das estradas provinciais ao seu paso por Adai, Quinte ou Monte de Cerceda
O BNG do Corgo comproba como cada día que pasa, a maioría das estradas que dependen da Deputación están “máis deterioradas e resultan máis incómodas e perigosas para os seus usuarios". Dende a formación política veñen facendo un seguimento moi detallado do estado das estradas no concello falando coa veciñanza para dar visibilidade ao malestar dos mesmos.
A portavoz nacionalista, Pilar Bellón, destaca que “a veciñanza de Adai, Quinte, Monte de Cerceda ou Cruce de Maceda con Lousada séguennos manifestando o seu malestar polo estado destas estradas LU-P-1602, LU-P-1608 ou LU-P-1611”. En concreto, a asociación de veciños de Adai “que levan máis de un ano reclamando o arranxo á deputación e non reciben resposta”. Segundo a concelleira, a veciñanza desta parroquia expresa “o seu malestar pola situación da vía, máis aínda tendo en conta que tódolos 13 de mes se celebra a feira mensual e esta é a vía para acceder a dita feira”.
Denuncian, deste xeito “as incomodidades e os danos nos vehículos por culpa das moitas e grandes fochancas que ten esta calzada” que están a sufrir os habitantes da zona. Para os nacionalistas a solución pasa por renovar con urxencia o firme, porque esta estrada “leva moitos anos sen arranxar así como facer unha limpeza das cunetas ”. E así o farán saber nunha moción que levarán pleno para implicar ao alcalde na esixencia da reparación destas vías.