O BNG do Corgo homenaxeou a Quique Casanova no décimo aniversario do seu pasamento

O grupo municipal do BNG no Corgo celebrou unha homenaxe a Quique Casanova con motivo do décimo aniversario do seu falecemento.
O acto tivo lugar na praza de Manán, que leva o seu nome en recoñecemento ao seu labor a prol da parroquia, e contou coa presenza de compañeiros e compañeiras do BNG de distintas localidades, así como veciñanza e representantes de entidades culturais coas que Quique mantivo unha vinculación constante.
Casanova, fillo adoptivo do Corgo desde o ano 2016, foi considerado por todas como un corgués de pleno dereito, especialmente vencellado ao val de Gomeán. Persoa discreta, humilde e traballadora, destacou como defensor da lingua galega, da cultura, da natureza e do activismo social. Foi membro fundador da asociación cultural Arumes do Corgo e do Centro de Estudos do Corgo, e deixou unha fonda pegada tanto no ámbito cultural como político.
Durante 16 anos foi militante nacionalista e concelleiro do BNG no Corgo, exercendo unha oposición construtiva e canalizando as demandas da veciñanza. As persoas que o coñeceron destacan o seu carácter afable, a súa coherencia ideolóxica e o seu compromiso co ben común, sempre loitando por un Corgo mellor e por unha Galiza sen límites.
Con esta homenaxe, o BNG e a comunidade do Corgo quixeron manter viva a memoria de Quique Casanova e o seu legado, exemplo de dignidade, compromiso e loita polos dereitos do pobo galego.