O BNG do Corgo pediulle ao Goberno local a limpeza da antiga parede da Feira de Adai

LugoXa
Con todo, tamén pediron que se faga un estudo para flexibilizar as bases de funcionamento do viveiro de empresas do Concello
Pilar Bellon Corgo BNG
30 Nov 2024

O BNG do Corgo presentou, a través da súa concelleira Pilar Bellón, unha moción no pleno para pedir ao equipo de Goberno a limpeza da antiga parede da Feira de Adai e se proceda á retirada das instalacións de ferro actuais, moción que foi aprobada.

“Esta era unha das demandas que veñen expoñendo as veciñas e os veciños de Adai dende xa fai tempo”, explica a concelleira nacionalista, "entre outras moitas de primeira necesidade, como o abastecemento da auga e o saneamento".

Esta parede de pedra era empregada para expoñer os produtos na feira de Adai e na actualidade está completamente chea de mofo. "Consideramos este ben como patrimonio material e necesita, polo tanto, unha actuación de limpeza", explican.

Ademais, apuntan a que no campo da feira tamén hai unhas instalación oxidadas que están ancoradas no chan "que serven para asir os animais na Feira Grande e na Poxa do Gando". Estas argolas de ferro, "ademais de afear o entorno, son un perigo para as persoas que por alí transitan e cando hai Feira Grande, colócanse unhas móbiles que compren perfectamente a función de asir o gando", din. "Unha vez esto foi aprobado polo pleno da corporación estaremos vixiantes para que se cumpra", declarou Bellón.

Tamén foi aprobada por unanimidade unha moción presentada polo BNG para solicitarlle a corporación municipal que reafirmara o seu compromiso na loita contra a violencia machista, "rexeitando calquera discurso banalizador ou negacionista así como calquera retroceso que elimine ou privatice recursos do sistema de protección e atención ás vítimas, tal e como se está a facer dende a Xunta de Galicia".

Con todo, tamén pediron que se faga un estudo para flexibilizar as bases de funcionamento do viveiro de empresas do Concello, "pois as bases restrinxen bastante os posibles beneficiarios". Así, solicitan que se lle dea visibilidade "e que a xente coñeza que no Corgo temos unha infraestrutura que a día de hoxe esta infrausada, pois a finalidade dun viveiro deste tipo é fomentar a creación de novas empresas ou novos emprendedores, xa sexan autónomos ou persoas xurídicas, que contan coa condicións e servizos precisos para a súa iniciación e consolidación".

0.16460013389587