O BNG e Galiza Nova reivindican a figura de Virxinia Pereira nunha charla en Lugo

A comisión de Acción Feminista do BNG de Lugo e Galiza Nova organizaron a charla 'Descubrindo a Virxinia Pereira', impartida pola xornalista e escritora Montse Fajardo e presentada por Brenda González, poeta e militante de Galiza Nova.
O acto enmárcase nas actividades do Ano Castelao, e tivo como obxectivo reivindicar a figura de Virxinia Pereira, compañeira vital e política de Castelao, unha muller fundamental para entender a súa obra e o seu compromiso con Galicia.
Durante a charla, Montse Fajardo destacou que “Virxinia non foi só a muller de Castelao, foi unha loitadora, unha defensora da lingua e da nazón galega, unha muller que compartiu con el a visión dun país libre e culto”.
Fajardo presentou unha Virxinia activa, comprometida e profundamente nacionalista, que quedou relegada polos relatos patriarcais da historia oficial. Brenda González, subliñou que esta actividade busca restituír a memoria das mulleres borradas da historia de Galiza, e que “descubrir a Virxinia é tamén descubrir a Castelao desde unha perspectiva máis completa e humana, entendendo o papel esencial que ela tivo na súa vida e na súa obra”.
Desde o BNG, salientan a necesidade de seguir visibilizando a contribución das mulleres á historia e á cultura galega, reparando as inxustizas do esquecemento e poñendo en valor o papel das galegas que loitaron pola nosa lingua, pola nosa nación e pola igualdade.