O BNG entregará no Ministerio de Mobilidade as sinaturas do 'Lugo Quere Tren!'

LugoXa
Rubén Arroxo e Felipe Rivas entregarán mañá as sinaturas da campaña Lugo quere tren no Ministerio de Mobilidade, en Madrid
Arroxo Rivas sinaturas tren
6 Xuño 2022

O voceiro do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e o responsable local da formación, Felipe Rivas, entregarán mañá en Madrid, no Ministerio de Mobilidade, as sinaturas recollidas pola agrupación ao abeiro da campaña Lugo Quere Tren!.

Entre novembro e maio, os nacionalistas estiveron recollendo os apoios da sociedade lucense en prol dun mellor servizo ferroviario para a capital.

Rubén Arroxo afirmou que “nestes meses achegamos as nosas propostas e recibimos o apoio da veciñanza para poñer a Lugo no mapa dos servizos ferroviarios, rematando con anos de recortes e eliminacións de conexións e frecuencias”.

O BNG iniciou a campaña Lugo quere tren! cunha concentración diante da estación de Ferrocarril no pasado mes de novembro. Durante a campaña participaron, nas distintas actividades, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o deputado nacionalista no congreso do estado, Néstor Rego.

Rubén Arroxo afirmou que “é preciso dotar Galicia de servizos ferroviarios dignos, con conexións interiores útiles pensadas para conectar ás galegas e galegos”.

O BNG defende o ferrocarril como o medio de transporte do futuro, apostando pola transición enerxética e a mobilidade sostible. Arroxo afirmou que “a chegada do AVE a Galicia só supuxo que agora sexa máis rápido ir en tren de Lugo a Madrid que de Lugo a Compostela”.

Entre as reclamacións do BNG para Lugo, contémplase a posta en marcha da variante de Parga sen dividir a vila, a conexión coa zona norte da provincia, e a creación dun novo treito entre Curtis e Ordes que permita a conexión directa por ferrocarril entre Lugo e Compostela.

“Lugo é a única cidade de Galicia que non ten conexión directa por tren coa capital do país, un agravio que se resolvería cunha obra de 27 quilómetros”, afirmou o portavoz nacionalista.

0.18014883995056