O BNG esixe a Medio Rural os medios necesarios para deter a hemorraxia epizoótica que afecta á montaña lucense

LugoXa
A deputada do BNG no Parlamento Galego, Montse Valcárcel, denuncia o abandono total do sector gandeiro ao que a EHE lles supón uns custes medios de 400 euros por animal
Montse-Valcárcel-explotación-becerreá-ehe
Montse Valcárcel, acompañada polo deputado Nino Fernández e os concelleiros de Becerreá
26 Ago 2024

A deputada do BNG no Parlamento Galego, Montse Valcárcel, acompañada polo deputado Nino Fernández e os concelleiros de Becerreá, Martín Gómez e Ovidio Montaña visitaron unha explotación da montaña lucense, zona moi afectada por esta enfermidade. Nesta visita a deputada puido constatar a “situación de abandono e a falla de información e axudas por parte da Consellaría de Medio Rural”

A deputada nacionalista esíxelle á Xunta do PP medidas urxentes e que asuma as súas funcións nunha situación de “extremo abandono” dos gandeiros ante a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica, e que lle supón ao sector uns custes medios de 400 euros por animal infectado. A enfermidade, que se manifesta cun proceso infeccioso non contaxioso, é causada por un virus da familia Reoviridae que transmítese por uns mosquitos (Culipoides spp.) cuxo ciclo biolóxico se activa coa subida das temperaturas, despois dunha pausa invernal larvaria na auga.

Valcárcel recorda que o BNG “xa advertiu do que podía pasar coa chegada do verán” e agora demándalle á Consellería do Medio Rural que “tome medidas e que pare de buscar escusas, que actúe xa”. Subliña a deputada que a media de gasto de 400 euros por animal que estea afectado “terán que custeala os gandeiros sen axuda por parte da Consellería de Medio Rural”, lamenta.

A incidencia esta sendo moi importante neste verán de 2024 pero, para a deputada nacionalista, “as escasas medidas preventivas e paliativas dende o Goberno do PP non chegaron a tempo para ser efectivas e os gandeiros comezaron a sufrila sen estar preparados para a nova vaga de casos que comezou hai semanas no sur do país”, denuncia.

Os primeiros casos deste verán apareceron na provincia de Ourense, pero foron avanzando ata a provincia de Lugo ( Sarria, Ancares, Terra de Lemos e Quiroga) que nestes momentos esta a ser unha zona moi afectada Para a deputada, estes son “resultados dramáticos para os animais e por extensión para os propietarios”, que se atopan nunha situación de “desesperación absoluta pola elevada morbilidade que a enfermidade está mostrando nesta tempada”,

As demandas do BNG

O BNG volvera levar ao Parlamento esta problemática para reclamarlle ao Executivo de Alfonso Rueda fixar unha partida orzamentaria destinada a indemnizar os casos de EHE, tanto os que rematen coa morte do animal coma os tratamentos destinados a paliar os síntomas da enfermidade e os servizos veterinarios derivados desta. Tamén se pide subvencionar a vacinación voluntaria contra o virus da EHE, para todos aqueles gandeiros que soliciten as doses, custeando o tratamento e o servizo veterinario derivado da vacinación, favorecendo así a inmunización da cabana gandeira galega.

Así mesmo, O BNG solicita un estudo de incidencia da EHE en Galiza para determinar as accións a levar a cabo en próximas campañas, tanto a nivel galego coma no conxunto do estado español, acoutando zonas de alta inmunización, media e baixa, para fomentar o uso da vacina nas áreas de menor incidencia previa e evitar as perdas económicas derivadas da doenza. O BNG considera tamén urxente que se reúna o Comité Nacional do Sistema de Alerta Veterinaria de España (RASVE) para debater o estado da enfermidade hemorráxica epizoótica e as posibles solucións.

Por último, insta á Xunta de Galliza a solicitar ao goberno do Estado a colaboración e coordinación da comisión de carácter técnico da RASVE para actualizar o estado do territorio español e países limítrofes. A EHE afecta tanto a ruminantes domésticos coma salvaxes, dando lugar a unha clínica moderada e autolimitante, aínda que nalgúns casos pode derivar en secuelas ou incluso a morte (1% mortalidade media, cunha morbilidade media do 7,53%.). Trátase dunha enfermidade de declaración obrigatoria e o seu período de incubación oscila entre os 2 e os 10 días.

0.19654083251953