O BNG esixe a reposición inmediata do tren dás 23:00 horas entre Ourense e Lugo

O BNG Lugo Sur denuncia a eliminación do servizo ferroviario das 23:00 horas que conectaba Ourense con Monforte, Sarria e Lugo, un servizo que consideran esencial para as persoas viaxeiras que chegan a Ourense no último tren procedente de Madrid.
Os nacionalistas advirten que este servizo xa fora eliminado no pasado e lembran que tras a mobilización social e política, Renfe repuxo a conexión de forma provisional mediante un autobús durante as obras na liña Ourense-Monforte-Lugo. Porén, denuncian, “Renfe volve agora a suprimilo, sen garantir que se manteña unha vez se restableza plenamente a circulación ferroviaria”.
Desde o BNG lembran que esta conexión é esencial para centos de persoas usuarias de Lugo e da comarca de Lemos, xa que permite completar a viaxe desde Madrid ata Monforte e Lugo no mesmo día, e denuncian o “déficit histórico en materia ferroviaria” que sofre o sur da provincia.
“Non se poden consentir máis recortes senón que se deben incrementar as frecuencias e mellorar os servizos”, sinalan os nacionalistas, que explican que “a eliminación deste enlace deixa en peor situación a un territorio xa castigado pola falta de alternativas en transporte público”.
“O tren das 23:00 horas non é un luxo, é unha necesidade para moita xente de Monforte, Sarria e Lugo que ten que desprazarse a Madrid ou que regresa no último servizo da capital. Cada recorte supón máis illamento e máis dificultades para un territorio que xa sofre un déficit histórico en comunicacións”, subliña o viceresponsable comarcal do BNG Lugo Sur, Emilio J. Sánchez Iglesias,
Por iso, os nacionalistas esixen a Renfe a reposición inmediata deste servizo, sexa por tren ou por autobús, mentres duren as obras, así como o mantemento definitivo de dita conexión unha vez rematen os traballos. Ademais, dende o BNG solicitan “un plan real de mellora das conexións ferroviarias en Lugo e Lemos, que deixe atrás os recortes e aposte polo transporte público de calidade”.