O BNG esixe á Xunta a reapertura dos consultorios de Castro de Rei e Doiras, en Cervantes

LugoXa | TerraChaXa
A demanda recóllese nunha moción aprobada no pleno provincial deste martes
concentracion-centro-saude-castroverde-bng
25 Jun 2024

O BNG esixe á Xunta de Galiza a reapertura dos consultorios e das camas de hospitais pechados durante o verán. A demanda recóllese nunha moción aprobada no pleno provincial deste martes na que o grupo nacionalista puxo en evidencia a falta organización e planificación dos meses de verán por parte da Consellaría de Sanidade, que está agravando a falta de persoal nos centros sanitarios públicos.

Na exposición da moción, a deputada Iria Castro referiuse a situación dos consultorios de Castro de Rei e de Doiras (Cervantes), que o goberno galego pechará nos meses de verán, á falta de persoal en centros de atención primaria en municipios da Mariña, que multiplican a súa poboación nos vindeiros meses, ou ao peche de camas nos tres centros hospitalarios da provincia.

“As vacacións, como as xubilacións, son problemas que a Consellaría sabía que iamos ter” e que non se resolven “cun plan improvisado aprobado a mediados de xuño” dixo a deputada que pediu unha vez máis ao goberno galego que “afronte o déficit estrutural de persoal, a precariedade e a falta de orzamentos”, que está comprometendo a calidade do sistema sanitario público.

Iria Castro afeou o voto en contra da moción dos deputados do Partido Popular sinalando que “as veciñas e veciños están vendidos por representantes municipais que non os están defendendo” .

A moción, aprobada cos votos de BNG e PSdG, inclúe como puntos de acordo: esixir á Xunta de Galiza que garanta a reapertura de todos os consultorios pechados, a cobertura das baixas por vacacións, enfermidade e xubilacións do persoal sanitario e a reapertura das camas pechadas durante a época estival nas diferentes plantas dos hospitais da provincia.

0.17160606384277