O BNG esixe á Xunta a reparación das novas infraestruturas do centro de saúde da Residencia

A deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Montse Valcárcel, e o concelleiro do BNG na cidade de Lugo, Alexandre Penas, visitaron o novo Centro de Saúde da Residencia, onde puideron ver "os distintos defectos de obra que se comezan a ver pouco máis dun ano despois da apertura das instalacións", afirmou Valcárcel.
A deputada do BNG afirmou que "a Xunta sempre segue o mesmo proceso, planifican mal as obras e pouco tempo despois a veciñanza ten que ver como os edificios que se venderon como punteiros acaban rompendo pouco a pouco". Valcárcel anunciou que o BNG levará iniciativas ao Parlamento de Galiza "para evitar que imaxes como as que se poden ver hoxe na Residencia, cun revestimento asegurado nun muro con cinta de embalar, non se volvan repetir e que todas as veciñas e veciños de Lugo teñan instalacións públicas de calidade"
Alexandre Penas, concelleiro do BNG de Lugo afirmou que "mentres desde o BNG no goberno de Lugo traballamos para mellorar a cidade, tamén no eido estético, a Xunta demostra que non lle preocupa a cidade de Lugo, permitindo este tipo de solucións que empeoran a imaxe da cidade". O concelleiro do BNG reclamou á Xunta que mellore a planificación das obras "garantindo a durabilidade dos traballos feitos, sen repetir esta imaxe de abandono ao pouco de abrir un edificio novo".
Pola súa banda, o delegado Javier Arias afirma que o tramo de muro illado que quedou no barrio da Residencia, ao carón da central de biomasa, está en condicións de ser derrubado. A Xunta está xestionando a súa eliminación coa empresa enerxética que utilizaba esas conexións de distribución, que se encargará de suprimilo unha vez que comprobe que a operación non afecta ao sistema de subministro.
O Goberno galego sigue pendente desta medida para corrixir o impacto visual que provoca a estrutura nunha contorna totalmente renovada na que leva investidos máis de 32 millóns de euros.