O BNG esixe á Xunta a reparación urxente da porta principal do HULA

O Bloque Nacionalista Galego reclamou á Xunta de Galicia que arranxe de maneira inmediata a porta principal do Hospital Universitario Lucus Augusti, que permanece fóra de servizo desde hai máis dun mes.
O portavoz municipal do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, advertiu de que o que debería ser “un amaño case inmediato” está a converterse nun “incomodo constante” para as persoas usuarias do centro sanitario, tras varias semanas de queixas trasladadas pola veciñanza.
Arroxo asegurou que esta situación evidencia que “o mantemento dos edificios públicos non é unha prioridade para a Xunta”, ao tempo que lamentou que Lugo volva ser, ao seu xuízo, un exemplo de desatención por parte do Goberno autonómico. Recordou que nos últimos días o BNG tamén reclamou actuacións na iluminación da Muralla, sinalando que máis de cen luminarias permanecen apagadas a escasos días da conmemoración do 25º aniversario da súa declaración como Patrimonio da Humanidade.
O portavoz nacionalista engadiu que esta falta de coidado das instalacións dependentes da Administración autonómica se suma, segundo indicou, ao “olvido recorrente” nos orzamentos e á “mínima colaboración” coa organización de eventos destacados da cidade, como as festas de San Froilán, apuntando que todo isto contribúe a unha discriminación continuada cara a Lugo.