O BNG esixe á Xunta medidas urxentes para conservar as pallozas de Piornedo

O BNG demandou no pleno do Parlamento galego que a Xunta tome medidas urxentes para garantir a conservación das pallozas de Piornedo, un dos principais símbolos patrimoniais de Galicia e únicas en Europa pola súa orixe celta e os seus teitos de palla de centeo.
A deputada do BNG, Olalla Rodil, lembrou que estas construccións foron declaradas Ben de Interese Cultural hai máis de 30 anos, e destacou o esforzo da veciñanza para preservar este valioso legado histórico.
Rodil criticou a falta de compromiso por parte do Goberno galego, que nos últimos 15 anos eliminou a liña anual de axudas para o mantemento das pallozas, cunha única achega de 100.000 euros desde 2014, fronte aos 160.000 euros destinados pola Deputación de Lugo. "Desde entón, nada, e van dez anos", subliñou a deputada.
A tormenta Herminia causou danos visibles nas pallozas, pero Rodil apuntou que o verdadeiro problema era o deterioro acumulado pola falta de mantemento e apoio institucional. "Non foi o vento de Herminia o que furou os teitos e danou as estruturas. A tormenta só serviu para facer máis visible o dano", afirmou.
O BNG esixiu á Xunta que realice unha avaliación técnica dos danos e desenvolva un plan urxente para recuperar os teitos e rehabilitar as pallozas, así como que restableza as axudas anuais para garantir a súa conservación.
Finalmente, Rodil instou á Xunta a asumir a súa responsabilidade e a actuar de inmediato para evitar a perda deste patrimonio único. "Se todos coincidimos en que as pallozas son un ben colectivo que debemos protexer, implíquense no seu mantemento", concluíu a deputada.