O BNG esixe á Xunta que remate con garantías a rehabilitación do IES Lucus Augusti en Lugo

LugoXa
As deputadas denuncian deficiencias graves nas obras realizadas, que afectan ao patrimonio e ao desenvolvemento da actividade docente
lugo-ies-lucus-augusti
22 Sep 2025

O Bloque Nacionalista Galego rexistrou no Parlamento de Galicia unha iniciativa na que reclama á Xunta que actúe con urxencia para culminar con garantías a rehabilitación do IES Lucus Augusti, o instituto máis antigo de Galicia e un centro de referencia histórico e social en Lugo.

As deputadas Montse Valcárcel, Mercedes Queixas, Olalla Rodil e Cristina Fernández Davila advertiron de que os traballos executados durante o curso 2024/25 “non respectaron o valor patrimonial do instituto nin aseguraron as condicións mínimas para o desenvolvemento da actividade docente”.

Segundo explicou Valcárcel, a comunidade educativa sufriu prexuízos importantes, pois “non se protexeron adecuadamente os libros, o mobiliario nin as estancias patrimoniais, realizáronse obras en pleno curso e, a día de hoxe, a situación é a dunha rehabilitación incompleta, con aulas sen portas, cableado á vista, problemas de conexión a internet e espazos fundamentais inutilizados como a biblioteca, a sala do profesorado ou o salón de actos”.

A parlamentaria nacionalista cualificou de inaceptable que, despois dun ano enteiro de traballos, o instituto continúe “a medio facer, con multitude de deficiencias e unha sensación xeralizada de abandono”. Por iso, reclamou á Xunta que actúe con responsabilidade e adopte os medios necesarios para que o IES Lucus Augusti recupere canto antes a súa plena actividade, preservando ao mesmo tempo o seu valor patrimonial.

“O BNG seguirá traballando no Parlamento para que a Xunta asuma as súas responsabilidades e adopte de inmediato as medidas que garantan a finalización das obras con todas as garantías, asegurando a protección do patrimonio e o dereito a un ensino público de calidade”, concluíu Valcárcel.

⚙ Configurar cookies
0.10608506202698