O BNG esixe actuacións urxentes para frear o deterioro do mosteiro de Vilar de Donas

LugoXa
Olalla Rodil alerta do abandono dun BIC clave do románico galego e reclama á Xunta, ao Concello e á Igrexa un plan integral de conservación e posta en valor
San-Salvador-de-Vilar-de-Donas-Palas-de-Rei-BNG
2 Feb 2026

O BNG reclamou á Xunta de Galicia, ao Concello de Palas de Rei e á Igrexa que impulsen de maneira inmediata actuacións de conservación, recuperación e posta en valor do conxunto histórico do mosteiro de San Salvador de Vilar de Donas, no municipio de Palas de Rei, un Ben de Interese Cultural de enorme relevancia histórica e patrimonial.

A deputada do BNG no Parlamento galego, Olalla Rodil, advertiu de que o estado de abandono que sofre este conxunto por parte da Xunta resulta cada vez máis evidente e preocupante. Segundo explicou, nos últimos días, coincidindo cun episodio de forte temporal, produciuse a caída dun dos portalóns situados entre a casa reitoral e o alpendre, un feito que volve poñer de manifesto o avanzado grao de deterioro do conxunto e a ausencia total de labores de mantemento.

O mosteiro de San Salvador de Vilar de Donas, documentado xa no século XII e historicamente vencellado á Orde de Santiago, constitúe un dos exemplos máis destacados do románico galego. O conxunto está formado pola igrexa e pola casa reitoral do antigo mosteiro e conserva un singular patrimonio funerario, con sepulcros de cabaleiros da Orde de Santiago e de membros de familias nobiliarias da comarca, de grande valor histórico e artístico.

Con todo, tal e como lembrou Rodil, desde o ano 2010, cando se executaron uns traballos de restauración cun investimento de 159.948,42 euros, a Xunta de Galicia non volveu realizar ningunha intervención neste Ben de Interese Cultural. Máis de quince anos sen actuacións que, segundo a deputada nacionalista, explican a situación actual de deterioro, especialmente na casa reitoral e na contorna da igrexa, cun risco real de perda patrimonial se non se actúa con carácter inmediato.

A parlamentaria do BNG reclamou que a Xunta asuma as súas competencias e promova un plan integral de intervención en colaboración co Concello de Palas de Rei e coa Igrexa, que inclúa actuacións de consolidación e rehabilitación, así como medidas de posta en valor e divulgación do conxunto, tendo en conta tamén a súa proximidade ao Camiño Francés de Santiago.

“O patrimonio non se protexe só con declaracións administrativas, senón con investimentos e compromiso político”, concluíu Olalla Rodil, quen insistiu en que cada novo episodio de deterioro "constitúe unha advertencia máis de que Vilar de Donas non pode seguir agardando".

⚙ Configurar cookies
0.07306694984436