O BNG esixe ao Estado actuacións urxentes para reparar os tramos máis deteriorados da N-VI

O Bloque Nacionalista Galego solicitou formalmente ao Ministerio de Transportes información sobre os plans previstos para acometer obras de mellora na N-VI, no tramo que discorre polo municipio de Lugo.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, presentou unha batería de preguntas dirixidas ao Executivo central, mentres que desde o ámbito municipal, o portavoz nacionalista Rubén Arroxo advertiu da situación de abandono que presenta esta vía en varios puntos, sinalando a necesidade de intervencións inmediatas.
Rubén Arroxo subliñou que o estado da calzada é especialmente preocupante na zona nor-leste da cidade, onde a estrada presenta un firme esnaquizado, con fochancas, gretas e afundimentos que poñen en perigo a seguridade viaria. “Hai zonas que amosan un abandono evidente por parte do Goberno do Estado, con tramos inzados de defectos sen reparar ou con arranxos mal executados”, explicou. Entre as áreas máis afectadas, o BNG sinala a saída de Lugo cara a Madrid, a Avenida das Américas, Garabolos, o acceso á Avenida Breogán e o lugar de Xián.
Os nacionalistas reclaman unha intervención urxente para solucionar os "problemas graves" detectados nestes sete tramos, co obxectivo de garantir unha circulación segura e cómoda para a cidadanía.
Rubén Arroxo destacou ademais que, unha vez completadas as reparacións necesarias, é imprescindible retomar o proxecto de desdobramento da N-VI, unha vella demanda da veciñanza lucense que busca mellorar a capacidade e seguridade da vía no treito comprendido entre a Avenida das Américas e Garabolos, unha das zonas con maior intensidade de tráfico da cidade.
CRÍTICAS DO PP
Antonio Ameijide, voceiro do Partido Popular en Lugo, criticou ao tenente de alcalde Rubén Arroxo, a quen acusou de actuar con “hipocrisía política” ao reclamar ao Goberno do Estado o arranxo da N-VI ao seu paso pola cidade mentres, segundo afirmou, “votou en contra de solicitar ao Executivo central a mellora das infraestruturas de Lugo”. Ameijide asegurou que Arroxo tomou esa posición pese a dispor dun informe que alerta do mal estado da vía.
O representante popular lembrou que “as reclamacións, cando son xustas, son lícitas, pero o Concello tamén é titular dunha parte desta vía que presenta as mesmas deficiencias que o tramo dependente do Ministerio de Transportes e non fai nada para solucionalo”.
O voceiro popular preguntou a Rubén Arroxo “onde estaban el e o BNG cando foron cómplices de que Pedro Sánchez retirase 1.100 millóns de euros dos máis de 1.600 millóns que había reservados para a chegada do AVE”. Subliñou que “son responsables de manter no Goberno a quen deixou á nosa provincia fóra da alta velocidade ferroviaria, sendo Lugo a única provincia de Galicia e do entorno sen este servizo”.
Ameijide engadiu que o BNG permitiu tamén que o Executivo de Sánchez “deixase parados proxectos fundamentais como as autovías cara Ourense (A-56), Ponferrada-Monforte (A-76) ou a autovía da Mariña (A-74)”. A este respecto, reprochou que “agora denuncian o estado da N-VI cando sempre que tiveron ocasión de reclamar ao Goberno central do PSOE optaron por calar”.