O BNG esixe ao Goberno central un compromiso real coas conexións ferroviarias de Lugo

LugoXa
O Goberno vén de aprazar de novo a conexión de Lugo co AVE, "o que xa parece un desistimento de que Lugo conte con alta velocidade ferroviaria", din
BNG-150-anos-tren-Lugo
20 May 2025

O BNG anunciou unha batería de propostas nas distintas institucións para reclamar ao Goberno do Estado "un compromiso real coas conexións ferroviarias de Lugo".

O responsable local da formación, Antón Bao, afirmou que este é "un asunto que preocupa aos lucenses e vemos como o Goberno vén de aprazar de novo a conexión de Lugo co AVE, o que xa parece un desistimento de que Lugo conte con alta velocidade ferroviaria", afirmou Bao, que engadiu que "desde o Bloque Nacionalista Galego continuamos reivindicando que Lugo estea ben conectada por tren".

Bao lembrou que, o pasado outubro, o ministro de Transportes anunciou que Lugo ía estar conectada por AVE en breve. "Agora recibimos a noticia contraria, que Lugo vai ter que seguir esperando pola alta velocidade".

Ademais, criticou a postura do Partido Popular, xa que "eles tiveron na súa man realizar esta acción, pero non moveron un dedo cando gobernaron no Estado". Antón Bao afirmou que os avances dados nos últimos anos foron conseguidos polo único deputado do BNG no Congreso, quen conseguiu o estudo de viabilidade para conectar Lugo con Compostela.

Pola súa banda, o portavoz do BNG no Concello, Rubén Arroxo, destacou que nesta semana celébrase o 150 aniversario da chegada do tren a Lugo, no ano 1875. "Nestes 150 anos os cambios tampouco foron moi chamativos, de feito, gran parte da vía ferroviaria que existe a día de hoxe é a mesma que existía no século XIX", afirmou Arroxo.

Ademais, fixo balance dos avances conseguidos polo BNG en materia ferroviaria desde o ano 2020, co deputado Néstor Rego defendendo o ferrocarril de Lugo. "Conseguiuse que se levasen adiante as obras de modernización da vía no treito Ourense-Monforte-Lugo, obras que están avanzando grazas a que se conseguiu precisamente nese acordo de investidura". Posteriormente, no ano 2023, o BNG conseguiu o estudo de viabilidade da unión de Lugo con Santiago de Compostela, "que é o primeiro paso para facer esa variante entre Curtis e Ordes que una por fin Lugo coa capital de Galicia".

Así, engadiu que "o que estamos a ver neste momento é que si que hai certas obras nas que se avanza, pero non se recuperan os servizos que foron retirados", dixo Arroxo, que criticou que "incluso se anunciou que se poderían retirar algúns servizos".

Rubén Arroxo anunciou que desde o BNG "imos seguir reivindicando esta situación e vanse presentar iniciativas no Congreso dos Deputados para que se recuperen as liñas existentes, dado que algunhas das que se retiraron no confinamento xa non volveron, e para que se aumenten os servizos".

⚙ Configurar cookies
0.17780900001526