O BNG esixe ao Goberno do Estado a mellora da N-6 ao seu paso pola cidade de Lugo

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar no Congreso unha batería de iniciativas para reclamar do Goberno do Estado actuacións inmediatas e efectivas para mellorar o estado da estrada N-6 ao seu paso pola cidade de Lugo, especialmente nos tramos situados na zona norleste, que presentan un avanzado estado de deterioración e constitúen un perigo para a seguranza viaria.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denuncia o abandono por parte do Ministerio de Transportes dunha vía de titularidade estatal que rexistra graves deficiencias estruturais: “A N-6 é unha das principais vías de entrada e saída da cidade de Lugo e atopámola inzada de fochancas, fendas e afundimentos do firme, con tramos nos que o asfalto presenta a típica ‘pel de crocodilo’ que evidencia un deterioro extremo. O Goberno non pode seguir desatendendo esta situación”.
As demandas do BNG baséanse nun informe técnico elaborado polos servizos municipais do Concello de Lugo, que xa foi remitido á Delegación do Goberno e que recolle problemas graves en sete tramos diferentes, incluíndo a saída de Lugo cara Madrid, a Avenida das Américas, a contorna de Garabolos, o acceso á avenida Breogán ou o lugar de Xián.
Rego subliña que “o deterioro do firme, as fochancas sen reparar ou mal reparadas, as fendas lonxitudinais e transversais, os afundimentos e os arranxos defectuosos constitúen un risco evidente para a seguranza viaria das persoas condutoras, en particular para a veciñanza de Lugo que utiliza a vía a diario”.
Neste contexto, o BNG demanda ao Goberno do Estado a aprobación e execución inmediata dun plan de actuación integral para reparar os sete tramos afectados da N-6 ao seu paso pola cidade. “Debe rehabilitar o firme reparar as máis graves: fochancas, peladuras da capa de rodadura, fendas, afundimentos e a chamada pel de crocodilo” indica o deputado nacionalista.
Paralelamente, o Ministerio ten que atender con carácter urxente as demandas trasladadas desde o Concello de Lugo, a través da Concellaría de Infraestruturas Urbanas, e que foron acompañadas dun informe técnico detallado.
“Débese iniciar, sen máis demoras, a actuación histórica e largamente demandada de desdobramento da N-6 entre a Avenida das Américas e Garabolos, mellorando así as condicións de acceso á cidade” subliña Rego.