O BNG esixe no Congreso o mantemento do tren das 23:00 horas entre Ourense e Lugo

O BNG Lugo Sur denuncia a eliminación do servizo ferroviario das 23:00 horas que conectaba Ourense con Monforte, Sarria e Lugo, un servizo que consideran esencial para as persoas viaxeiras que chegan a Ourense no último tren procedente de Madrid.
O deputado do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, acaba de rexistrar novas iniciativas parlamentarias para esixir ao Goberno do Estado e a Renfe a restitución deste servizo que, advirte, xa fora eliminado no pasado. Desde o BNG lembran que, tras a mobilización social e política, Renfe repuxo a conexión de forma provisional mediante un autobús durante as obras na liña Ourense-Monforte-Lugo. Con todo, denuncian, “Renfe volve agora a suprimilo, sen garantir que se manteña unha vez se restableza plenamente a circulación ferroviaria”.
Os nacionalistas lembran que esta conexión é esencial para centos de usuarios de Lugo e da comarca da Limia, xa que permite completar a viaxe desde Madrid ata Monforte e Lugo no mesmo día, e denuncian o “déficit histórico en materia ferroviaria” que sofre o sur da provincia.
“A execución das obras non pode utilizarse como excusa para eliminar conexións. O servizo de autobús das 23:00 debe manterse mentres duren as obras, e o tren debe restablecerse tan pronto como se restableza o tráfico ferroviario completo”, afirma Rego.
O deputado nacionalista lembra que o BNG xa plantexou este asunto no Congreso en maio de 2024, cando Renfe decidiu suprimir o servizo de autobús que substituía ao tren nocturno. A presión social e política obrigou entón á compañía a restablecer o servizo, pero agora repítese o recorte. “Renfe e o Ministerio de Transportes están reducindo os servizos en lugar de ampliarlos. Lugo sofre desde hai décadas un déficit histórico en materia ferroviaria e, lonxe de mellorar, a situación empeora. O que necesitamos son máis frecuencias, mellores horarios e conexións reais co resto do país”, advirte.
“Non se poden consentir máis recortes, senón que se deben incrementar as frecuencias e mellorar os servizos”, sinalan os nacionalistas, que explican que a eliminación deste enlace deixa nunha peor situación un territorio “xa castigado” pola falta de alternativas no transporte público.
Por iso, os nacionalistas esixen a Renfe a reposición inmediata deste servizo, sexa por tren ou por autobús, mentres duren as obras, así como o mantemento definitivo desta conexión unha vez finalicen os traballos. Ademais, desde o BNG solicitan “un plan real de mellora das conexións ferroviarias en Lugo e Limia, que deixe atrás os recortes e aposte polo transporte público de calidade”.