O BNG esíxelle á Xunta o mantemento e restauración das Pallozas do Piornedo

O BNG, a través de Olalla Rodil, deputada no Parlamento Galego, reclamará no Parlamento Galego unha intervención integral para o mantemento e restauración das Pallozas do Piornedo, un conxunto único en Europa e declarado Ben de Interese Cultural (BIC) de Galicia que se atopa en Cervantes.
Rodil e Dani García, deputado de Medio Rural na Deputación de Lugo, visitaron O Piornedo acompañados polas persoas propietarias das pallozas para coñecer de primeira man o estado destas edificacións.
Durante a visita, puideron comprobar a urxente necesidade de restaurar os teitos da maioría das pallozas e, en algúns casos, realizar unha intervención estrutural máis ampla.
"Os temporais das últimas semanas agravaron unha situación que xa viña de longo, xa que o deterioro nos teitos non é algo recente. O aire e a choiva destes días fixeron máis evidente un problema estrutural do que é responsable a Xunta de Galicia polo abandono de Piornedo nos últimos dez anos", explicou a deputada nacionalista.
ANTECEDENTES
Rodil lembra que en 2010 o Goberno do Partido Popular suprimiu as axudas anuais para a reparación dos teitos das pallozas, o que dificultou enormemente ás persoas propietarias garantir o seu mantemento e conservación.
"Aínda así, a Deputación de Lugo, a través da súa área de Medio Rural, xestionada polo BNG, investiu 20.000 euros nos últimos anos na conservación das pallozas", explica, pero insiste en que "é imprescindible que a Xunta de Galicia se implique de forma decidida para preservar este patrimonio colectivo".
Así, sostén que "a pesar das denuncias e alertas lanzadas pola veciñanza e as persoas propietarias, o Goberno galego non dispoñeu de ningunha axuda para levar a cabo os labores de recuperación, cada vez máis custosos e complexos, pola falta de profesionais cualificados para realizalos", recordou Olalla Rodil.
COMPROMISO CO PIORNEDO
Por iso, desde o BNG trasladarán ao Pleno do Parlamento a vindeira semana a preocupación da veciñanza de Piornedo e reclamarán á Xunta de Galicia dous compromisos concretos.
En primeiro lugar, a recuperación inmediata do programa de axudas anual que o PP suprimiu en 2010 para garantir o mantemento dos teitos das pallozas.
En segundo lugar, a creación dun grupo de traballo conxunto co Concello de Cervantes e coa Deputación de Lugo, para que cada administración, dentro das súas posibilidades e responsabilidades, colabore no mantemento das pallozas, un patrimonio único e de incalculable valor para Galicia.
"Este conxunto de Piornedo forma parte da identidade das galegas e galegos e ten un valor incalculable para as xeracións de hoxe, pero sobre todo para as de mañá", concluíu Rodil.