O BNG esixirá á Xunta que garanta o dereito a unha educación de calidade nos Ancares
A deputada por Lugo do Bloque Nacionalista Galego no Parlamento galego, Olalla Rodil, mantivo xunto coa concelleira da organización en Becerreá, Sabela Pérez, e a presidenta da FAPACEL e vicepresidenta da confederación Anpas Galegas, Isabel Calvete, unha xuntanza para analizar e comprobar a situación actual do ensino na comarca dos Ancares.
Rapazas e rapaces desta comarca que estudan o bacharelato non dispoñen do servizo de transporte escolar, o que está a provocar que moitas familias teñan que adicar un enorme esforzo económico para poder garantir o ensino das súas fillas e fillos. Por isto, o BNG levará iniciativas ao Parlamento galego, como tamén, desenvolveranse mocións nos concellos da comarca para esixir á Xunta de Galicia que garanta o dereito a unha educación de calidade e que dispoña dun servizo de transporte acaído ao territorio.
A deputada Olalla Rodil sinalou que o despoboamento prodúcese en parte pola falta de servizos públicos adaptados ao territorio “a veciñanza dos concellos da Montaña de Lugo como poden ser Navia de Suarna, Cervantes ou Becerreá vese agraviada pola falta de servizos para desenvolver unha vida plena nestas localidades, para fixar poboación é preciso contar con servizos de calidade”
Rodil subliñou que moitas familias dos Ancares deciden mandar ás súas rapazas e rapaces fóra da comarca para formarse pola falta de oferta académica e servizos adaptados “moita veciñanza está marchando, por exemplo, á cidade de Lugo para continuar coa súa formación pola falta deste tipo de servizos e a ausencia de oferta educativa nos centros” declarou a deputada nacionalista.