O BNG impulsará no Parlamento Galego a creación dun transporte a demanda na comarca dos Ancares

LugoXa
"Este servizo é cada día máis necesario polos recortes na atención sanitaria que a Xunta veu executando nos últimos anos", explica Olalla Rodil
BNG-nos-Ancares-transporte-a-demanda
4 Dec 2024

O Bloque Nacionalista Galego impulsará no Parlamento Galego a creación dun transporte a demanda na comarca dos Ancares, como unha medida incluída dentro das emendas que o BNG presentou aos orzamentos da Xunta para o exercicio do 2025.

A comarca dos Ancares caracterízase por unha gran dispersión da poboación, con tempos de desprazamento importantes. Para boa parte da xente da comarca ir ao centro de saúde ou as dependencias municipais esixe bastante tempo. Non existe un servizo de transporte que atenda as necesidades existentes, especialmente no caso das persoas maiores, para cousas tan básicas como acudir ás consultas sanitarias.

"Isto constitúe unha clara discriminación para as persoas que viven no rural fronte ás que se poden beneficiar dun transporte público subvencionado nas zonas urbanas", din desde o BNG. Así, o servizo prestaríano os taxis dos concellos e resultaría gratuíto para os usuarios.

"Este servizo é cada día máis necesario polos recortes na atención sanitaria que a Xunta veu executando nos últimos anos. A falta de atención medica no consultorio de Doiras, en Cervantes, obriga a desprazarse a San Román; ou as reiteradas faltas de atención medica en distintos centros de saúde pola non cobertura das baixas, o que obriga a desprazarse a outras localidades. Ademais, o crecente avellentamento da poboación agrava esta problemática", explican.

A este respecto, a deputada no Parlamento Galego do BNG, Olalla Rodil, sinalou que “implementar un servizo como este sería moi positivo para o sector do taxi da zona, pero ademais daría un servizo esencial que a veciñanza precisa”.

Olalla Rodil tamén destacou que o servizo de transporte a demanda é un servizo "que funciona con éxito en concellos do resto do país e que permitiría unha vertebración da comarca, así como unha mellora da mobilidade que melloraría de maneira importante as condicións de vida da veciñanza da comarca dos Ancares".

⚙ Configurar cookies
0.10989713668823