O BNG inicia unha campaña de recollida de sinaturas para reclamar á Xunta a creación do Gran Parque Central de Lugo

LugoXa
Rubén Arroxo e Antón Bao presentaron a campaña coa que o BNG sairá á rúa a compartir a súa proposta para este espazo
campana-gran-parque-central-lugo
28 May 2025

O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado polo Responsábel Local, Antón Bao, presentaron a campaña de recollida de sinaturas que lanza o BNG para reclamar a construción do Gran Parque Central de Lugo no espazo da actual estación de Autobuses unha vez entre en funcionamento a nova intermodal. Arroxo afirmou que o BNG conta cunha proposta "seria e que ten o consenso da veciñanza", e que permitirá avanzar "na transformación urbana da cidade creando un gran parque verde de máis de 27.000 metros cadrados, integrando os xardíns da Praza da Constitución e conectando coa Praza de Bretaña e o Vello Cárcere".

O BNG lanza esta proposta recollendo a idea que no pasado contou cun gran apoio por parte da veciñanza ante, dixo Antón Bao "a falta de proxecto do Partido Popular desde a Xunta de Galiza, cuxa mellor proposta foi levar á xente de Lugo a comprar a un centro comercial da Coruña e deixar este espazo intacto".

Rubén Arroxo destacou que o Gran Parque Central suporá unha transformación importante para Lugo, creando un gran pulmón verde integrado no casco histórico e ao pé da Muralla. A proposta feita polo BNG inclúe a creación dun paso soterrado para vehículos que una a rúa Dinán e a avenida Anxo López Pérez "eliminando na práctica o tráfico rodado nesta zona", explicou Arroxo.

O BNG propón tamén a creación dunha parada para as liñas de transporte interurbano que desexen parar nesta zona da cidade, mantendo o resto do espazo como o que defuniu "o Parque Central de Lugo, unha nova praza verde integrada no casco histórico".

A proposta defendida polo BNG reclama á Xunta de Galiza que elabore este proxecto "buscando consenso social e político", e afirmou que "coa renovación do espazo da actual Estación de Autobuses, a Xunta ten que aproveitar a oportunidade de demostrar que quere investir en Lugo e mellorar a cidade".

⚙ Configurar cookies
0.17208194732666