O BNG inicia unha campaña para reclamar o arranxo das estradas de Lugo

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa
O Bloque Nacionalista Galego de Lugo inicia unha nova campaña para reclamar o arranxo das estradas de titularidade estatal baixo o rótulo "Arranxo XA das nosas estradas", ao considerar que son infraestruturas esenciais e estratéxicas para o desenvolvemento social e económico das comarcas de Lugo Centro e Lugo Sur.
concentracion_estrada_lugo_bng
16 Abr 2024

O Bloque Nacionalista Galego de Lugo inicia unha nova campaña para reclamar o arranxo das estradas de titularidade estatal baixo o rótulo "Arranxo XA das nosas estradas", ao considerar que son infraestruturas esenciais e estratéxicas para o desenvolvemento social e económico das comarcas de Lugo Centro e Lugo Sur. Os nacionalistas denuncian que a situación actual de abandono de estradas e autovías como a A-6 ou as N-VI, N-540, N-640 e N-120  pon en perigo a seguranza das persoas que transitan por elas de forma diaria.

Urxen o Ministerio de Transportes a levar a cabo as actuacións precisas para mellorar o firme e un adecuado mantemento. Acompañados polo deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, cargos institucionais do BNG nos concellos afectados -Taboada, Lugo, Guntín, Castro de Rei, Monterroso- así como de cargos orgánicos e militantes da organización, presentan unha nova campaña baseada na realización de actos e recollida de sinaturas.

"A día de hoxe as infraestruturas de comunicación viaria son esenciais e estratéxicas para garantir o desenvolvemento social e económico do territorio. No caso das comarcas lucenses, as vías de titularidade estatal teñen un papel aínda maior ante a carencia de infraestruturas e servizos de carácter ferroviario adecuados que permitan vertebrar o territorio", subliña o deputado do BNG.

Neste sentido, Rego exemplificou o estado de abandono destas infraestruturas que, alén de conectar os diversos concellos lucenses, tamén son infraestruturas que "conectan a Lugo co resto do País e do Estado": a A-6, a N-VI, a N-540, a N-640 ou a propia N-120. Apelan que por elas circulan diariamente millares de vehículos “e necesitan actuacións urxentes que melloren o firme, o trazado e a posta en marcha dun adecuado plan para a súa conservación".

Mellora do firme

Con esta campaña demandan a implicación do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentábel para que se comprometa a realizar, de forma urxente, as actuacións precisas para a mellora do firme destas autoestradas e estradas para garantir a seguranza de todas as persoas usuarias. Pola súa parte, o tenente de alcalde de Taboada, Jose Portela, sinalou que tanto os accesos, as incorporacións, os cambios de sentido como o estado do firme das estradas están a "comprometer o tráfico de mercadorías, a nosa vida diaria e afectando de forma moi significativa a seguranza viaria".

Así mesmo, o deputado do BNG no Congreso lembrou que moitas das actuacións nestas infraestruturas están recollidas no acordo de investidura conseguido polo BNG. Segundo explicou Rego, a decisión do Goberno de renunciar a tramitar os Orzamentos de 2024 "non é ningún impedimento para cumprir as actuacións previstas" e mesmo "existen mecanismos e instrumentos nas contas do Estado para facelo".

Néstor Rego avanza a "posición firme do BNG" na defensa dunhas infraestruturas dignas para as comarcas lucenses. "Seremos exixentes no cumprimento dos acordos acadados porque estes non son un compromiso do Goberno co BNG senón do executivo cos e coas lucenses".

0.32231187820435