O BNG insta á Xunta a paralizar a planta proxectada en Coeses

LugoXa
O BNG presentou esta proposta como resposta á iniciativa do PP hai un mes, onde reclamaban que o proxecto cumplise coa legalidade vixente
mobilización_contra_a_planta_de_coeses
25 Xul 2024

O BNG defenderá no pleno municipal deste venres unha proposta para instar á Xunta a que promova a paralización da planta de Biometanización proxectada en Coeses. O BNG presentou esta proposta como resposta á iniciativa do PP hai un mes, onde reclamaban que o proxecto cumplise coa legalidade vixente. O portavoz municipal do BNG en Lugo, Rubén Arroxo ironizou coa proposta do PP, e afirmou que "obviamente, calquera proxecto para poder levarse adiante ten que cumplir coa legalidade vixente", e explicou que "o problema é a afectación que esta planta vai ter na vida das veciñas e veciños da contorna".

"Estamos ante un proxecto que producirá ruídos, cheiros e que pode ter influencia na calidade da auga da zona", afirmou Arroxo, que engadiu "trátase dun proxecto que conta cunha grande oposición por parte da veciñanza, que xa presentou alegacións a este proxecto". O BNG reclama, xunto coa veciñanza da zona, que se valore unha localización alternativa "que non afecte a ningún núcleo de poboación". A Xunta declarou o proxecto como iniciativa empresarial prioritaria, o que conleva a simplificación de trámites administrativos, "mais o que debe ser prioritario é garantir que as veciñas e veciños da contorna non vexan reducida a súa calidade de vida por esta planta", afirmou Rubén Arroxo.

O proxecto que se está a valorar actualmente pola Xunta de Galicia localízase en solo rústico de protección forestal, e conta con núcleos de poboación a poucos metros. Arroxo afirmou que "o BNG non está en contra dunha posible solución ao tratamento de residuos orgánicos, como é a proposta que temos enriba da mesa, mais a Xunta ten que promover que estas iniciativas se executen nunha zona catalogada como solo industrial, onde se minimice a afectación ás vivendas".

0.082307100296021