O BNG lanza a campaña "Mellor Local, Mellor Galego" para apoiar o comercio de proximidade

O BNG presentou en Lugo a campaña “Mellor Local, Mellor Galego” baixo o lema “Aposta polo noso, sairás gañando”, coa que anima a consumir produtos galegos e apoiar o comercio de proximidade tanto durante as datas festivas como ao longo do resto do ano. A deputada nacionalista Olalla Rodil explicou que se trata dunha iniciativa anual que se lanza “nas datas previas ao Nadal, cando damos a coñecer as propostas deseñadas para incentivar a compra do produto local feito en Galicia”.
Rodil presentou a campaña xunto ás concelleiras Cristina López e Alex Penas e destacou que a iniciativa busca poñer en valor a importancia do comercio tradicional como parte dun novo modelo comercial para Galicia, subliñando que en Lugo se pode gozar dunha parte do mellor produto local na Praza de Abastos.
Ademais, a deputada defendeu un marco comercial que protexa ás pequenas tendas, garanta condicións xustas para as persoas autónomas e revitalice os mercados locais, tal como, dixo, se está facendo en Lugo coa aposta decidida pola Praza de Abastos e polos mercados, onde se pode atopar produto de proximidade e de produtores locais.
O BNG fai un chamamento á veciñanza a apostar por un consumo responsable, que dinamice a economía local e sexa respectuoso co medio ambiente. A formación promove a compra de produtos de produtores locais e galegos, a recuperación dos mercados municipais e tradicionais, a promoción de alternativas ecolóxicas e a posta en marcha de axudas para implantar ou mellorar establecementos que comercialicen produtos autóctonos.