O BNG lembra á Xunta os terreos xunto ás Termas para facer vivenda pública

LugoXa
Rubén Arroxo: "a Xunta conta con terreos na contorna das Termas onde se podería construír vivenda pública"
vivenda publica as termas terreos arroxo bng lugo
23 Abr 2023

O candidato do BNG á alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo, lembrou á Xunta de Galiza que conta con terreos na contorna das Termas para levar adiante a construcción de vivenda pública. Arroxo criticou que, malia os distintos anuncios por parte do Partido Popular, "o proceso de licitación das vivendas do Castiñeiro aínda está publicado na plataforma de contratación da Xunta como pendente de adxudicar, polo que o goberno galego podería seguir adiante con este proxecto".

Arroxo defendeu que a contorna das Termas "é totalmente viable para a construcción de vivenda pública", e engadiu "trátase dunha zona que xa conta con servizos e dotacións, e permitiría avanzar no obxectivo de repartir a vivenda social por toda a cidade, e non concentrala nun único barrio".

Arroxo afirmou que "desde o BNG estamos a favor de que a Xunta de Galiza constrúa vivenda pública, mais o barrio do Castiñeiro é actualmente a zona de Lugo con máis densidade de poboación".

Segundo o candidato do BNG, "a proposta continúa co traballo aplicado polo BNG cando tivo a responsabilidade da Consellería de Vivenda, no período 2005-09, cando se decidiu que este barrio xa estaba saturado de vivenda, tanto pública como privada, e que o que se precisaban eran dotacións e espazos verdes".

Vivendas da SAREB

Rubén Arroxo afirmou que o plan anunciado polo goberno do estado, reconvertendo en vivenda pública as propiedades da SAREB "non será útil para Lugo". Segundo os datos da propia SAREB, só hai 7 vivendas no concello de Lugo xestionadas pola sociedade, "un dato ínfimo se temos en conta a gran necesidade de vivenda pública, con máis de 1.000 persoas agardando por un lugar no que vivir".

0.15880298614502