O Bloque Nacionalista Galego presentará no Parlamento de Galicia unha iniciativa co obxectivo de instar á Xunta a lexislar con criterios claros o desenvolvemento das plantas de biometano.
A proposta, que será defendida pola deputada nacionalista Montserrat Valcárcel, busca garantir distancias mínimas destas instalacións respecto ás vivendas e núcleos de poboación. A parlamentaria estará acompañada no Pazo do Hórreo por veciños afectados polo proxecto de Coeses, así como polo Tenente Alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, e concelleiros do BNG.
Esta acción dá continuidade á proposta aprobada no Pleno do Concello de Lugo o pasado 29 de maio, a través da cal se instaba á administración autonómica a afastar as plantas dos lugares habitados e a establecer un marco normativo claro e garantista. A moción foi impulsada polo BNG e aprobada coa abstención do Partido Popular.
Montserrat Valcárcel advertiu do impacto que a proximidade destas instalacións pode ter sobre a calidade de vida da poboación e sinalou que a súa formación “non está en contra da tecnoloxía, senón dun modelo que antepón os intereses económicos á saúde, ao medio ambiente e ao benestar da veciñanza”. A deputada xa mantivo encontros cos afectados para presentarlles as medidas que agora se defenderán na Cámara.
A proposta recolle seis puntos clave: establecer unha distancia mínima de 3.000 metros entre as plantas e os núcleos de poboación, fixar límites de distancia entre a planta e a orixe dos residuos (20 km para líquidos e 50 km como máximo xeral), limitar a capacidade anual das plantas a 200.000 toneladas, regular os parámetros de entrada e saída de materiais, controlar a xestión do dixestato resultante e prohibir o tránsito de transporte pesado por zonas urbanas e pobos do rural.
Pola súa banda, Rubén Arroxo lembrou que comunidades gobernadas polo PP, como Castela e León, xa avanzaron na fixación de distancias mínimas, e advertiu que “non se pode repetir o modelo de macroproxectos que só buscan o beneficio empresarial, sen ter en conta o impacto social e ambiental”.
A presenza de veciños no Parlamento galego é interpretada polo BNG como un novo chanzo na mobilización contra a planta de biometano prevista en Coeses e como mostra da preocupación crecente pola falta de regulación e transparencia na expansión deste tipo de proxectos industriais.