O BNG levará ao Parlamento a demanda das persoas usuarias da residencia das Gándaras

LugoXa
As nacionalistas reclaman que o Goberno galego se reúna coas persoas residentes antes de executar unhas obras que, segundo denuncian, afectan á intimidade e á privacidade
BNG-Lugo
21 Jan 2026

O BNG defenderá no Parlamento de Galicia unha serie de iniciativas co obxectivo de esixir á Xunta de Galicia que manteña unha reunión coas persoas usuarias da residencia das Gándaras e atenda directamente as súas demandas.

A deputada Olalla Rodil subliñou que as persoas maiores, e de maneira especial quen vive en residencias, non poden ser consideradas simples destinatarias de coidados, senón que son suxeitos plenos de dereitos, e reprochou ao Partido Popular que actúe coma se no centro non vivise ninguén, limitándose a tomar decisións sobre o mobiliario sen contar coa opinión das usuarias e dos usuarios.

Desde o BNG insisten en que as administracións públicas teñen a responsabilidade de fomentar a capacidade de decisión, a autonomía persoal e a participación activa das persoas maiores. Rodil defendeu que entrar nunha residencia non implica perder nin a opinión nin o criterio propio, nin tampouco o proxecto vital, e rexeitou a idea de que a Xunta poida actuar como titor das persoas residentes, lembrando que a súa voz debe ser escoitada e tida en conta.

A deputada anunciou que presentará nunha comisión parlamentaria unha iniciativa para instar ao Goberno galego a reunirse coas persoas residentes das Gándaras co fin de abordar as obras previstas no centro e coñecer de primeira man as súas preocupacións. Segundo explicou, esta proposta xorde dun acordo alcanzado hai poucas semanas nun encontro mantido coas propias usuarias e usuarios, coincidindo cunha das mobilizacións semanais que veñen impulsando desde hai meses.

As actuacións proxectadas pola Xunta na residencia suporán modificacións que, segundo denuncian as persoas usuarias, reducen o seu dereito á intimidade e á privacidade, especialmente no caso de quen comparte habitación, que son a maioría. A residencia das Gándaras iniciou a súa actividade en 1981, conta con 218 prazas e unha antigüidade de 45 anos, das cales 160 corresponden a cuartos dobres. O proxecto non contempla a creación de novas habitacións individuais, senón unha reorganización dos espazos existentes que implicaría unha redución da superficie actual e a separación das camas unicamente por unha mesiña de noite.

Porén, desde a Xunta de Galicia seguen insistindo en que "é unha actuación moi importante, 8 millóns de euros, que se leva a cabo para dotar de maior comodidade aos usuarios e adaptarse á normativa vixente en seguridade e accesibilidade". Ademais, destacan que non se reducirá o número de habitacións individuais e lembra que son prazas públicas "que a Xunta pon a disposición dos galegos e galegas que o necesitan".

⚙ Configurar cookies
0.33157801628113