O BNG levará ao Parlamento europeo o proxecto da planta de biometano de Coeses
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, visitou a cidade de Lugo onde anunciou que rexistrará iniciativas no Parlamento Europeo para reclamar unha análise en profundidade dos efectos negativos sobre o medio, os recursos hídricos e a veciñanza do proxecto para a instalación dunha planta de Xestión de Residuos Orgánicos e Biometanización en Lugo. A europarlamentaria do BNG anunciou que as iniciativas destacarán a falta de garantías ambientais do proxecto e reclamará rexeitar a solicitude de fondos europeos no caso de que soliciten.
Miranda estivo acompañada en Lugo polo portavoz do BNG no Concello, Rubén Arroxo, e pola deputada no Parlamento de Galiza, Montserrat Valcárcel, que reiteraron o apoio do BNG á "importante mobilización veciñal" que espertou este proxecto. O BNG xa rexistrou iniciativas no Congreso a través do deputado Néstor Rego, e no Parlamento de Galiza, despois de que a Xunta de Galiza declarase este proxecto como iniciativa empresarial prioritaria, unha resolución que permite a simplificación e axilización dos trámites administrativos. Arroxo anunciou o apoio do BNG á mobilización prevista para o vindeiro día 27.
"Desde que se publicou o proxecto e deu comezo o período de alegacións, a veciñanza de Coeses, así como do resto de núcleos de poboación máis próximos están a mobilizarse pola grave afectación que a posíbel construción da planta terá nos seus fogares", afirmou Ana Miranda, que engadiu "trátase dunha actividade potencialmente contaminante e con malos cheiros recoñecidos no propio proxecto, que vai ser instalada a moi pouca distancia das vivendas". Esta grave afectación recóllese expresamente no propio proxecto presentado pola empresa, que mesmo recoñece que a planta emitirá gases contaminantes así como o verquido de 76,7 m3 de augas residuais ao regato de Vilalbite, un afluente do río Miño.
"Distintos informes técnicos consideran que o actual proxecto que pretende instalarse en Coeses non ten garantías de seguranza ambiental, atendendo ao volume de auga que precisaría captar e ao tratamento dos residuos líquidos que logo serían devoltos ao río e, especialmente, na falta de eficiencia no control de cheiros", afirmou Miranda, que destacou que "esta falta de seguranza tamén foi sinalada polo informe provisional emitido pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, un informe desfavorable ao proxecto por considerar que o tratamento das augas residuais e a súa posterior evacuación a través do rego de Vilalbite non ten suficientes garantías".
Segundo distintas informacións, a empresa promotora ten a intención de solicitar o financiamento do proxecto con cargo a fondos europeos, a pesar dos efectos negativos que terá para o medio e para os veciños e veciñas. "Non parece axeitado que se acheguen fondos europeos a esta actividade industrial, polo menos mentres mantiver a actual localización" apunta a eurodeputada do BNG.