O BNG levará ao Pleno o recoñecemento oficial de Castelao como primeiro presidente de Galicia
O BNG presentou unha proposición en defensa da figura de Castelao que se debaterá no primeiro pleno do Ano Castelao 2025. Na proposición, o BNG defenderá que o Concello inste á Xunta a recoñecer a Castelao "como presidente de Galiza, e o Consello de Galiza como o primeiro goberno galego da etapa contemporánea". Arroxo afirmou que Castelao é "a principal figura política e cultural da historia contemporánea de Galicia", e destacou que "toda a súa vida e a súa obra constitúen un inmenso legado político e cultural que é preciso administrar e divulgar, facendo que os seus ideais se fagan realidade na Galicia de hoxe".
"Temos a obriga de honrar e celebrar a unha das persoas máis senlleiras da historia de Galicia, sendo fieis ao seu pensamento, á súa obra e ao seu compromiso político", destacou o portavoz do BNG, que engadiu "inmediatamente despois da súa morte, o franquismo iniciou a construción dunha versión manipulada, enxalzando o creador e o artista, e atacando, ocultando ou minimizando a súa traxectoria e obra política".
Segundo Rubén Arroxo, "continuar con esta visión distorsionada, converter a Castelao nun mito desprovisto de ideoloxía e de compromiso político, constitúe unha fraude histórica e unha negación do legado inmenso que nos deixou".
O BNG propón que o pleno municipal acorde solicitar ao Goberno da Xunta o recoñecemento de Castelao como primeiro presidente de Galiza, e o Consello de Galicia como o primeiro goberno galego da etapa contemporánea, ademais de apoiar a declaración do 2025 como Ano Castelao.