O BNG logra o apoio do Pleno da Deputación sobre a atención pediátrica e a reforma da N-540

LugoXa | TerraChaXa
A portavoz do grupo provincial Iria Castro deu eco no pleno ás demandas da veciñanza de Cospeito, Castro de Rei e Outeiro de Rei que levan semanas mobilizándose para reclamar a cobertura continuada por un especialista
Iria-Castro-Deputación-de-Lugo
27 Nov 2024

A Deputación provincial aprobou este martes por unanimidade as dúas mocións presentadas polo BNG para garantir o servizo de pediatría nos concellos de Cospeito, Castro de Rei e Outeiro de Rei e executar de forma urxente a reforma integral da N-540.

A portavoz do grupo provincial Iria Castro deu eco no pleno ás demandas da veciñanza de Cospeito, Castro de Rei e Outeiro de Rei que levan semanas mobilizándose para reclamar a cobertura continuada por un especialista do servizo de pediatría que comparten estes tres concellos e puxo de manifesto a falta de profesionais neste servizo de atención primaria en todas as comarcas, desde a Mariña ata a comarca de Lemos.

A deputada nacionalista reclamou aos deputados e alcaldes do Partido Popular que refrenden a súa votación no pleno “defendendo esta posición tamén ante a xerencia do Sergas e ante a Consellería de Sanidade, que leva anos escusándose na falta de pediatras sen adoptar ningunha medida para atraer profesionais á sanidade pública”, tras recordar que 194 concellos galegos non contan con servizo de pediatría na atención primaria e advertir, cara ao futuro, que un terzo dos pediatras do Sergas están próximos á idade de xubilación.

O BNG tamén levou ao pleno provincial a necesidade dunha reforma integral da estrada estatal N-540, que comunica as cidades de Lugo e Ourense, ante a falta de eficacia das actuacións puntuais que se realizaron nos meses de verán e a demora da intervención integral comprometida polo goberno do Estado.

A formación nacionalista insistiu na urxencia de executar os traballos para garantir a seguridade das usuarias e usuarias da vía nunha moción que contou co acordo dos tres grupos da corporación provincial.

0.13666701316833