O BNG lugués proporá no Pleno a recuperación do texto fidedigno do himno galego

LugoXa
O BNG defenderá no próximo pleno municipal a recuperación do texto fidedigno do himno galego composto por Eduardo Pondal,
BNG PLENO LUGO
24 Abr 2023

A proposta do BNG reclama a recuperación do texto orixinal composto por Eduardo Pondal, “corrixindo as distintas alteracións coa versión oficial actual”.

O candidato do BNG á Alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que o BNG defenderá no próximo pleno municipal a recuperación da letra orixinal do himno galego, tal e como o escribiu Eduardo Pondal. Arroxo explicou que “debido á súa difusión inicial fóra da Galiza, o texto de Pondal chegou cunha serie de erros textuais”, e engadiu “desde o BNG defenderemos a recuperación do texto orixinal, tal e como foi escrito por Pondal, dun símbolo que é patrimonio cultural de todo o pobo galego”.

A recuperación dos manuscritos do himno, xunto con impresos con correccións autógrafas e mais a versión editada e autorizada polo autor revelou importantes alteracións textuais na versión oficial, tal como demostrou a investigación realizada polo doutor Manuel Ferreiro, catedrático da Universidade da Coruña. Tal feito propiciou a constitución, en 1996, dunha ponencia conxunta no Parlamento galego para estudar a eventual restauración da letra verdadeira do Himno. E posteriormente, en 2002 e 2018, aínda foron realizados dous amplos informes técnicos escritos onde se demostraba, razoada e documentalmente, que o actual texto oficial do Himno Galego mostra a existencia de catro alteracións de importancia:

1) Problemas de presentación formal e de puntuación, de forma que no texto oficial mesmo desapareceu a indicación de que o texto é un diálogo (pregunta aos piñeiros, na primeira estrofa, e resposta destes nas tres estrofas restantes)

2) Presenza de formas idiomáticas alleas ao poema orixinal escrito por Pondal, nomeadamente castelanismos e hiperenxebrismos (ronco / rouco, iñorantes / ignorantes)

3) Aparición de formas idiomáticas falsas, inexistentes no poema de Pondal e na lingua galega (féridos / férridos)

4) Deturpación da expresión orixinal mediante un proceso de banalización textual (chan / clan ‘pobo’).

O BNG propón instar á Xunta de Galiza a modificar a lei de Símbolos de Galiza para recuperar a letra orixinal do himno, e reclama unha campaña de difusión do himno galego co obxectivo de distribuílo, divulgalo e popularizalo na sociedade galega.

0.21422505378723