O BNG organizou unha caravana de vehículos entre Lugo e Becerreá
O BNG organizou unha caravana de vehículos entre Lugo e Becerreá para reclamar o arranxo da N-VI ao seu paso pola comarca de Lugo. Enmarcada na campaña "Arranxo xa das nosas estradas", o BNG contou coa participación do deputado no Congreso Néstor Rego, as deputadas no Parlamento Olalla Rodil e Montserrat Valcárcel, e concelleiras e concelleiros do BNG en distintos concellos afectados.
"A esta acción reivindicativa súmase o traballo do BNG no Congreso para reclamar ao Ministerio de Transportes que leve a cabo actuacións urxentes para a rehabilitación, reparación e mellora integral da N-VI", explicou o deputado Néstor Rego. O obxectivo das iniciativas é impedir que se sigan a producir accidentes nas estradas lucenses, garantindo o bo estado e o mantemento das mesmas.
Neste sentido, Rego exemplificou o estado de abandono destas infraestruturas que, alén de conectar os diversos concellos lucenses, tamén son infraestruturas que "conectan a Lugo co resto do País e do Estado": a A-6, a N-VI, a N-540, a N-640 ou a propia N-120. "Estas son infraestruturas polas que circulan diariamente millares de vehículos e necesitan actuacións urxentes que melloren o firme, o trazado e a posta en marcha dun adecuado plan para a súa conservación" afirma o deputado do BNG no Congreso.
"Con esta campaña -enmarcada nun xeira de actos e recollida de sinaturas polos concellos lucenses- queremos demandar a implicación do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentábel para que se comprometa a realizar, de forma urxente, as actuacións precisas para a mellora do firme destas autoestradas e estradas para garantir a seguranza de todas as persoas usuarias" subliña Rego.