O BNG pedirá ao pleno que o Estado repare as rotondas de acceso a Lugo
O Bloque Nacionalista Galego urxe ao goberno do Estado a reparar o pavimento das rotondas de Nadela e da Campiña. Estas dúas rotondas non só supoñen dous dos principais accesos á cidade de Lugo senón tamén as interseccións con maior tránsito xa que conflúen nelas vías troncais da provincia e de uso cotiá para a veciñanza de distintas comarcas.
Segundo denuncian os nacionalistas, ambas rotondas sufren un notable deterioro do firme, con fochancas que dificultan a circulación e poden afectar á seguridade dos usuarios das vías.
Ante esta situacion, o BNG anunciou que levará ao Pleno Provincial de mañá unha moción que pide o apoio dos grupos políticos para demandar ao Estado unha intervención urxente.
“Dende o Grupo Provincial do BNG queremos alertar da pasividade do goberno do Estado ante a situación na que se atopa o pavimento das rotondas que dan acceso á cidade de Lugo en Nadela e na Campiña, con fochancas que fan intransitable e moi perigosa a circulación de vehículos e que require unha intervención de máxima urxencia”, expuxo o voceiro nacionalista Efrén Castro.
O BNG reclama tamén que, en tanto non se realizan as obras, se sinale a perigosidade que implica o deterioro do pavimento para a seguridade viaria. Tamén demanda ao goberno de Estado unha planificación do mantemento das estradas que evite chegar a situacións como a actual.
O deterioro do firme nestes puntos súmase ás carencias no que ten que ver co alumeado das distintas vías de acceso á cidade, tanto por estrada como por autovía. Unha cuestión que o BNG xa trasladou ao Congreso dos Deputados a través do parlamentario Néstor Rego, rexistrando unha iniciativa que pide revisar os criterios para acender as luminarias instaladas, atendendo a densidade de circulación en Galicia e ás condicións climatolóxicas.