O BNG pedirá no pleno municipal a inclusión de Lugo no Corredor atlántico de mercadorías ferroviarias

LugoXa
O Bloque Nacionalista Galego pedirá no pleno municipal a inclusión de Lugo no Corredor Atlántico de Mercadorías Ferroviarias
BNG Lugo Tren
21 Mar 2023

O candidato do BNG á alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que o BNG defenderá no vindeiro pleno municipal que  Lugo sexa incluído dentro do Corredor Atlántico de Mercadorías da Unión Europea. Arroxo lembrou que "incluír a Lugo dentro deste trazado non só facilitará o transporte de mercadoría, senón que permitirá avanzar nunha renovación das infraestruturas ferroviarias que Lugo precisa desde hai moitos anos”.

A Comisión Europea abrirá o prazo durante o 2023 para que os distintos estados membros propoñan a inclusión de novos trazados nos corredores ferroviarios prioritarios, unha serie de infraestruturas que pasarán a formar da rede transeuropea de transportes, o que dará prioridade á hora de acceder a fondos europeos para a mellora das mesmas. O BNG proporá ao pleno municipal que se inste ao goberno do estado a incluír a Lugo nesta rede.

Rubén Arroxo lembrou que actualmente “Lugo é a cidade peor conectada por en ferrocarril de toda Galiza”, e engadiu “a inclusión do trazado León-Monforte-Lugo-Betanzos-Coruña no corredor europeo sería o primeiro paso a dar para garantir que imos contar cunhas mellores conexións ferroviarias de Lugo, tanto para o transporte de mercadorías como para facilitar a mobilidade das persoas”.

Entre as reclamacións da campaña Lugo Quere Tren, posta en marcha polo BNG e que durante o 2022 mobilizou a milleiros de veciños e veciñas de Lugo, figuran a modernización da vía Lugo – Coruña, a conexión con Compostela e a recuperación dos servizos eliminados nos últimos anos, "o que permitiría dar un paso adiante na conexión de Lugo co resto de Galiza", explicou Rubén Arroxo, que engadiu "Lugo é a única cidade de Galiza que non ten conexión directa por tren coa capital do país, un agravio que se resolvería cunha obra de 27 quilómetros de vía para conectar as paradas de Curtis e Ordes creando unha traxecto directo desde Lugo a Compostela".

0.095350980758667