O BNG pedirá no Pleno que a Xunta asuma "as súas responsabilidades" pola vaga de lumes

A concelleira do BNG en Lugo, Maite Ferreiro, presentou a iniciativa que o grupo nacionalista defenderá no próximo Pleno municipal do Concello de Lugo para reclamar que a Xunta de Galiza asuma responsabilidades pola vaga de lumes forestais que asolou o País o pasado mes de agosto, así como para demandar un cambio estrutural na política de monte e medio rural.
Ferreiro explicou que “a vaga de lumes de agosto, con máis de 143.000 hectáreas arrasadas segundo o sistema europeo Copernicus, deixou unha ferida ambiental, social e económica inmensa que non pode repetirse”. Engadiu que “a xestión da Xunta foi absolutamente neglixente, sen prevención, sen planificación e abandonando a brigadas e concellos que traballaron en condicións imposíbeis”.
O BNG defenderá unha moción que insta á Xunta a poñer en marcha un Fondo de Recuperación Económica, Social e Ambiental Xunta-Estado, con axudas directas ás persoas afectadas, e un Plan de Emprego Verde para a restauración ambiental das áreas queimadas. A iniciativa inclúe tamén a aprobación dunha moratoria a novas plantacións de eucalipto, a duplicación dos fondos de prevención nos dous próximos anos, o reforzo dos servizos de extinción e a creación de 70 brigadas móbiles de vixilancia.
Así mesmo, o BNG demanda á Xunta que asuma a execución subsidiaria das faixas de biomasa cando non o fagan os titulares das parcelas, que impulse un modelo de monte multifuncional máis resiliente fronte ao lume e que aposte pola revitalización socioeconómica do rural, mellorando servizos e financiamento municipal.
Ferreiro afirmou que “é hora de poñer fin a un modelo forestal e de xestión do territorio que nos levou á catástrofe”. Por iso, a moción tamén reclama a asunción de responsabilidades políticas por parte do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pola súa xestión “errática e insuficiente” e pola utilización partidista dun drama colectivo.